Solapas principales

A Aula de Informática do Milladoiro medrou en máis de 60 socios en 2010

Miércoles, 12 de enero de 2011

[12-01-2011] Aberta desde 2003, a Aula de Informática do Milladoiro suma xa arredor de 2500 socios, dos cales 63 foron novas altas ao longo do ano pasado. Ademais, máis de 1900 persoas empregaron a aula en 2010 par as súas necesidades informáticas. Os meses de mellor tempo son, como é normal, os que rexistran un menor número de usuarios e socios. A aula permaneceu pechada só no mes de setembro por vacacións e permitiu aos usuarios ter acceso a un ordenador no que consultar o correo electrónico ou o xornal e levar a cabo as actividades do seu interese. Inserir a veciñanza de Ames na Sociedade da Información é o principal obxectivo deste servizo.

Durante as horas de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, poden facer uso da aula todas as persoas que estean empadroadas no Concello. Só deben cubrir unha ficha cos seus datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.

O aumento no número de usuarios desde 2003 ten sido máis lento nos últimos anos debido á popularización dos ordenadores persoais e o acceso a internet en mellores condicións que hai oito anos. Porén, precisamente polos mesmos motivos, ante a necesidade dos usuarios de formación, os cursos e obradoiros seguen a ter unha boa acollida. 2010 foi o ano con máis asistentes a este tipo de actividades desde que funciona a aula, cun total de 163 persoas. Así, a Aula acolle unha serie de obradoiros que se programan de forma trimestral, agás nos meses de verán que funciona exclusivamente como Aula aberta en horario de mañá de 10:00 a 13:00. Estes obradoiros e xornadas destínanse a sectores poboacionais establecidos por idade. Hainas dun total de 10 horas en sesións de dúas horas de luns a venres, e outras de sete horas e media, de hora e media diaria ao longo da semana. As actividades de adultos fanse en horario de mañá pensando, por exemplo, naquelas persoas que poidan aproveitar o tempo dos fillos no colexio, e de tarde para pequenos aproveitando a fin da xornada escolar.

As actividades deste tipo que se realizaron este ano foron unhas xornadas de iniciación a internet en xaneiro, abril e outubro para persoas adultas, 'Descubre o entroido na rede' en febreiro para rapaces entre os 7 e os 10 anos, unhas xornadas de iniciación a Open Office Writer en xuño para rapaces entre 8 e 12 anos, unhas xornadas de iniciación a internet para o Clube de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (Jupemi) en xuño, unhas actividades coas novas tecnoloxías no Nadal en decembro para nenos de 5 a 8 anos e un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola de maiores entre abril e xuño. Este último consistiu na realización dun obradoiro básico para que os maiores se achegaran ao mundo da informática no que poder descubrir a cantidade de información que podemos obter para actividades da vida diaria como ler xornais, pedir cita para o médico de cabeceira ou buscar receitas de cociña. Tamén realizaron algunhas actividades co procesador de textos Word. Ao conxunto dos obradoiros asistiron un total de 102 persoas, sendo as de maior éxito as xornadas de iniciación a internet de abril e outubro que reuniron en total a case 50 persoas.

A aula de informática tamén acolleu unha serie de cursos básicos de Windows, de Word e de Excel. Ademais, en 2010 houbo un de perfeccionamento destes dous programas, pensado como curso de repaso para non esquecer o aprendido. Os cursos teñen unha duración de 40 horas e ofértanse dúas quendas, unha de mañá entre as 10:00 h e as 12:00 h e outra de tarde entre as 19:00 e as 21:00 horas. Ao remate entrégase un certificado de asistencia ás persoas que acudisen a clase dun xeito regular. En total participaron 61 persoas ao longo do ano.