Solapas principales

O concello de Ames fai entrega dos diplomas e dos premios en metálico aos gañadores do V Concurso de Escaparatismo

Viernes, 14 de enero de 2011

[14-01-2011] Este mediodía no Salón de Plenos da casa do concello de Ames tivo lugar a entrega dos diplomas que acreditan aos tres comercios gañadores do V Concurso de Escaparatismo así como os premios económicos outorgados en función do posto obtido: 800 euros para o gañador, 600 para o comercio que obtivo o 2º posto e 400 para o 3º. Os comercios que mellor puntuación obtiveron foron Labralia Bertamiráns, Panadería Artesana e Principiños, que nesta V edición ocuparon o podio dos gañadores. Todos eles xa recibiron unha insignia acreditativa para poñer nos escaparates durante o Nadal permitíndolles desta forma aos compradores identificar aos tres gañadores do concurso e aos donos destes comercios ter un elemento máis de exclusividade e garantía de calidade.

O Salón de Plenos da Casa do concello de Ames acolleu hoxe a partir das 13.30 do mediodía a entrega dos diplomas e dos premios en metálico aos tres comercios gañadores da V edición do Concurso de Escaparatismo organizado pola concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo, da que é responsable a concelleira Úrsula Seijas.

O acto de entrega estivo presidido polo alcalde, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas. O alcalde resaltou a importancia destes premios como fórmula sinxela pero efectiva de promocionar o comercio de Ames e incitar aos comerciantes do concello a mellorar a calidade, oferta e imaxe publicitaria dos seus negocios. "Son uns premios moi sinxelos, non son os Nobel, pero son un pequeno recoñecemento de calidade e a cuantía económica non é moi grande, pero pode ser unha boa axuda", afirmou o Alcalde, quen resaltou a beleza dos escaparates premiados e a ardua labor que os seus donos realizaron no redeseño dos mesmos. Ademais, incitou aos gañadores a colocar os diplomas recibidos á vista do público, como un reclamo máis dos seus establecementos e unha marca de calidade que resulte atractiva aos compradores e afiance a confianza destes nas empresas premiadas.

Pola súa banda, os gañadores agradeceron o galardón. "Síntome moi satisfeita polo segundo premio, só co diploma xa cumprín as miñas espectativas", afirmou á hora de recibir o cheque e o diploma a representante da Panadería A Artesana, quen se fixo co segundo posto e recoñeceu que, aínda que non tiña pensado presentarse ao concurso, "ao final fíxeno e mira, gañei", afirmou sorprendida. Tanto o primeiro como a terceira galardoada mostráronse contentos por terse feito cos galardóns e agradeceron o recoñecemento do seu traballo realizado polo seu esforzo e compromiso coa mellora do comercio.

Os comercios premiados nesta V edición foron Labralia Bertamiráns, que se fixo co primeiro premio valorado en 800 euros; a Panadería A Artesana, que quedou no segundo posto e recibirá 600 euros; e a tenda de puericultura Principiños, que recibiu 400 euros. Amais dos cartos, todos eles recibiron tamén o diploma que os acredita como gañadores desta edición.

Ante o grande número e variedade de comercios participantes, o xurado, -formado polo Alcalde de Ames, Carlos Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Úrsula Seijas; un técnico externo, Beatriz Barril, interiorista con coñecementos en escaparatismo, e un representante da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, María Dolores Abelenda, e outro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Bernardo Moar-, tivo bastante difícil á hora de repartir os premios. Os criterios de orixinalidade e deseño foron os que primaron á hora de repartir os premios para os escaparates mellor engalanados de Ames, pero sempre tendo en conta a temática do Nadal.

O escaparate de Labralia, que se fixo co primeiro posto do podio, destacou pola súa innovación e orixinalidade. No expositor podíase ver a unha ringleira de formigas ataviadas cos seus respectivos gorros de Papá Noel e que levan nas mans diferentes produtos que se poden comprar na devandita tenda. As formigas camiñan sobre un manto branco de neve. Labralia -tenda dedicada ao agro- volveu a ser a gañadora despois de obter o primeiro posto na edición anterior.

Pola súa banda, a panadería A Artesana obtivo o segundo posto debido ao traballo e as horas investidas na elaboración do seu expositor. Como se podía ler no propio escaparate "escaparate feito completamente a man só con azucre". Este expositor contaba con elementos propios dunha panadería. Así podíase ver a varios bonecos repartindo pan no medio de tres casas, ao tempo que Papa Noel estaba sentado nun banco tocando o piano.

O terceiro galardoado, a tenda de puericultura Principiños, simulaba a habitación dun neno onde dorme un oso de peluche. Este escaparate mesturaba unha gran variedade de cores que o facían moi rechamante ao paso dos clientes pola rúa. Ademais dun berce, nesta habitación tamén había un moble cheo de obxectos e varios bolsos colocados no chan da habitación.

Así, un ano máis o concello premiou aos comerciantes comprometidos coa mellora da oferta comercial de Ames e dispostos a renovarse e innovar para gañar adeptos, mostrando así o compromiso do goberno municipal por favorecer o desenvolvemento dos nosos comercios.