[21-01-2011] A aula de informática do Milladoiro acolle desde esta semana un curso de iniciación a internet para os membros do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI). Este obradoiro desenvolverase ata o 16 de marzo, todos os mércores entre as 16:30 h. e as 17:30 horas. As nove persoas que están inscritas ata o de agora terán a oportunidade de familiarizarse co manexo desta útil ferramenta, aprendendo a usar internet para toda unha serie de actividades da súa vida diaria.
A aula de informática do Milladoiro continúa coas súas iniciativas a prol da alfabetización dixital dos veciños e veciñas. Esta semana dou comezo o curso de iniciación a internet para os membros do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro, JUPEMI. O curso, que se prolongará ata o 16 de marzo, terá lugar todos os mércores en horario de tarde, entre as 16:30 h. e as 17:30 horas. Ata o de agora hai nove persoas inscritas neste obradoiro.
Ao longo de dous meses, as persoas participantes irán aprendendo a usar internet para actividades da súa vida diaria como poden ser navegar pola páxina do concello, ler a prensa, pedir cita para o médico de cabeceira ou consultar a predición do tempo. Tamén aprenderán a crear unha conta de correo electrónico e manexar os buscadores como google para ser capaces de atopar aquela información que lles sexa de interese como receitas de cociña ou a carteleira de cine. Tamén aprenderán previamente cousas básicas para o manexo do ordenador como o emprego do rato, o teclado e o escritorio.
O curso de iniciación a internet encádrase dentro do programa de Alfabetización Dixital posto en marcha pola Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico. O principal obxectivo que se persegue a través deste programa é dotar ao maior número de alumnos posibles dun nivel básico de informática que lles permita abrir as posibilidades á hora de afrontar os numerosos trámites da vida que requiren ter mobilidade informática, unha ferramenta imprescindible na vida cotiá e laboral. Por iso, dende a Concellaría de Cultura, preténdese concienciar desta importancia do manexo da Internet co programa de Alfabetización Dixital.
O Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro continúa así coas súas actividades dinámicas e innovadoras que buscan a aprendizaxe dos seus membros. Estas actividades son o complemento da súa alfabetización dixital coa que se lle abrirán novas vías no acceso á información e comunicación e poder moverse nesta época de transición tecnolóxica con máis facilidade. O obxectivo que busca este club é estar en constante movemento organizando obradoiros para os seus socios, aínda que en moitas ocasións tamén para o resto da veciñanza.