Solapas principales

Bertamiráns acolle este sábado a VIII Gala do Deporte, na que o Concello de Ames premiará aos mellores deportistas e clubs

Viernes, 29 de noviembre de 2013

[29-11-2013] Este sábado 30 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a VIII Gala do Deporte organizada polo Concello de Ames. Neste acto premiase aos deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. Este ano o premio ao mellor deportista masculino recaeu en Borja Golán. Na categoría de mellor promesa masculina/feminina os premios son para Tariku Novales, do Club Atletismo Noia, e Nadia Iglesias de Salvador, patinadora do Club de Patinaxe Compostela. Ademais, o premio de mellor club é para o Milladoiro SD e o premio de recoñecemento especial recae en Federico Bouza Betriu, adestrador do Club Voleibol Bruxas, mentres que o premio especial é para o Centro Dental Macía pola colaboración que mantén con varias entidades deportivas do municipio.

Premios ás mellores promesas
Por outra banda, o premio á mellor promesa masculina é para o amiense Tariku Novales, que pertence ao Club Atletismo Noia. Con só 15 anos xa foi varias veces campión galego en todas as categorías desde benxamín ata cadete en cross, en pista cuberta e en pista ao aire libre. O atleta amiense conseguiu este ano o subcampionato de España na proba de 3.000 metros lisos no campionato nacional cadete de atletismo, que tivo lugar na localidade catalá de Granollers.

Tariku Novales realizou unha gran temporada durante o 2013. Ademais, foi campión de España coa selección galega cadete de cross, campión de España individual de cross cadete, medalla en todos os campionatos de España cadete da tempada 2013/2014 e habitualmente vai convocado a concentracións Nacionais de Tecnificación.

Por outra banda, o premio de mellor promesa feminina é Nadia Iglesias de Salvador. Nada no ano 1999, iniciou a súa traxectoria como deportista no 2004, na modalidade de patinaxe artística no Club de Patinaxe Compostela. Dende que no ano 2009 se proclamou campioa galega na categoría alevín, participou nos cinco últimos campionatos de España.

Na actualidade é campioa galega na categoría cadete. Ademais, este ano quedou cuarta clasificada no campionato de España. Así mesmo, coa selección española de patinaxe artística participou no trofeo Prestige International Issy – Paris, onde se proclamou campioa, e na Copa de Europa, celebrada en Gujan Mestras (Francia), onde acadou a a cuarta posición. Dende o ano 2007 forma parte da selección da Federación Galega de Patinaxe no Plan de Tecnificación de Xoves Valores.

Mellor club amiense 
Este ano o premio de mellor club é para o Milladoiro Sociedade Deportiva, que este ano conseguiu o ascenso á liga galega infantil. Mentres que o premio de recoñecemento especial recae en Federico Bouza Betriu, adestrador do Club Voleibol Bruxas, polo seu traballo en prol do deporte e en especial do voleibol dentro do Concello de Ames.

Por último, o premio especial é para o Centro Dental Macía, que leva máis de 12 anos apoiando o deporte local de toda a comarca. Colabora, entre outros, co Milladoiro S.D., Atletismo MillaRaio, Club Voleibol Bruxas e F.C. Meigas. Ademais, colabora en moitos eventos deportivos que se celebran no noso concello como o partido solidario para a recollida de xoguetes.




Esta é xa a oitava edición dunha gala que cada ano premia o esforzo e a superación persoal no deporte amiense. O xornalista Diego Viaño exercerá de mestre de cerimonia nesta edición da Gala do Deporte. O squash, o atletismo, a patinaxe, o voleibol e o fútbol serán os deportes protagonistas debido ao éxito e esforzo dos deportistas e clubs amienses. Deste xeito premiarase ao mellor deportista masculino, mellor promesa masculina e feminina, mellor club, recoñecemento especial a unha persoa relacionada intimamente ao fomento do deporte do concello, e premio especial. Como todos os anos, a gala será organizada pola Concellaría de Deportes e terá lugar este sábado 30 de novembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Este ano o premio ao mellor deportista masculino recaeu en Borja Golán, xogador profesional de squash. Actualmente é o número 8 do mundo. Borja Golán é dos mellores xogadores internacionais de squash e dispón dun gran palmares. Foi subcampión de Europa (2006 e 2012), 11 veces campión de España (desde abril do 2002 leva sen perder un partido contra un xogador español) e gañou 29 probas profesionais (PSA).