Solapas principales

Os concellos de Ames, Santiago, Brión, Rois, Dodro e Padrón suman esforzos para traballar pola recuperación ambiental e patrimonial do río Sar

Miércoles, 07 de octubre de 2015

[07-10-2015] A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, mantivo unha xuntanza no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, cos concelleiros de Medio Ambiente dos concellos polos que discorre o río Sar (Santiago, Brión, Rois, Dodro e Padrón). Esta reunión estivo presidida polo edil compostelán, Xan Duro. O obxectivo do encontro foi dar os primeiros pasos para a recuperación ambiental e patrimonial do río Sar en todo o seu percorrido, desde Santiago ata Padrón.

A concelleira e Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “na xuntanza mantida co resto de concellos polos que discorre o río Sar mostrouse unha boa disposición para levar a cabo accións conxuntas que permitan a recuperación e a conservación das ribeiras e da cunca do río Sar. Consideramos o río Sar como unha unidade paisaxística de todos os concellos, polo que debemos sumar esforzos para pode levar a cabo traballos conxuntos para a súa posta en valor”.

Tratouse dun primeiro encontro para coñecer a opinión de todos os concellos. Nesta reunión chegouse ao acordo de redactar un convenio de colaboración para poder desenvolver un plan de acción conxunto para a recuperación e conservación do río Sar. A idea é que os municipios de Santiago, Ames, Brión, Rois, Dodro e Padrón sumen esforzos para poñer en valor o río Sar para a veciñanza, aproveitando todo o seu potencial turístico e hidráulico.

Ademais, acordouse elaborar un estudo sobre as características ambientais e patrimoniais desta área e, para poñer en marcha as actuacións pertinentes de maneira conxunta, tratarán de buscar fondos da Xunta de Galicia e da Deputación. Nesta reunión participaron a concelleira de Medio Ambiente de Ames, Catuxa García; e os edís responsables de Medio Ambiente de Santiago de Compostela, Xan Duro; Brión, José Luis Sampedro; e Padrón, José Ramón Pardo Andrade, así como o edil de Cultura de Rois, Martín del Río.

Reunión coa concelleira de Benestar Animal
Por outra banda, a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, mantivo unha xuntanza coa concelleira de Benestar Animal de Santiago de Compostela, Noa Morales, para abordar a posibilidade de colaborar entre ambas institucións co obxectivo de levar a cabo diferentes campañas, xornadas e proxectos comúns en materia de benestar animal.

A edil compostelá mostro o seu interese pola campaña, que se está levando a cabo en Ames para a inscrición de mascotas no Censo Municipal de Animais de Compañía. Dende a concellaría de Medio Ambiente adiantaron que se está traballando no proxecto de creación de dous parques dedicados aos cans (un no Milladoiro e outro en Bertamiráns).

Outro dos temas que se abordaron foi a situación na que se atopa o refuxio de Bando. Actualmente, o Concello de Ames ten un contrato coa empresa Servigal, que ofrece os servizos de lacería e canceira. O devandito contrato remata en 2016 polo que dende o Concello de Ames estanse estudando alternativas como é a posibilidade de participar nunha mancomunidade que ofreza este servizo. Tamén se falou de regularizar as colonias felinas urbanas.

Catuxa García destacou “a importancia de ter un Censo Municipal de Animais de Compañía porque nos vai permitir coñecer o número de animais que hai no noso concello e mellorar os servizos que se ofertan para estes animais. A inscrición neste censo é totalmente de balde. Faise co obxectivo de prestar servizos aos animais e non para cobrar impostos".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los municipios vinculados al Sar inician una acción común para recuperar el río"