- Tematica
Este xoves, 20 de xuño, ten lugar en Bertamiráns a penúltima andaina saudable antes do paro programado para os meses de xullo e agosto con motivo das vacacións de verán. Esta nova camiñada circular comeza ás 17.30h e ten saída e chegada ao centro de saúde de Bertamiráns. A actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, dunha duración aproximada de hora ou hora e media. Organizadas pola Concellaría de Sanidade de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro, ditas andainas organízanse en ambas localidades en semanas alternas. A última andaina do semestre realizase no Milladoiro o xoves 27 deste mes, trala que haberá un paro ata o 5 de setembro.
Con motivo das vacacións de verán, o programa SaudeAndo fai un paro durante os meses de xullo e agosto. Así, os xoves 20 e 27 de xuño organízanse as dúas andainas saudables programadas antes de setembro, mes no que se retomará a actividade. Estas andadas pertencen ao programa organizado polo Concello de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro, que consta dunha trintena de andainas, 16 en Bertamiráns e 14 no Milladoiro, que se desenvolverán ata decembro en ambas localidades durante xoves alternos.
Deste xeito, este xoves 20 de xuño, ás 17.30h, continúa o programa cunha nova andaina con saída e chegada ao centro de saúde de Bertamiráns. Esta ruta urbana, ao igual que calquera das realizadas ao abeiro do programa SaudeAndo, é de dificultade media – baixa, e ten unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Para participar nesta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente.
Ao igual que en andainas anteriores, a actividade esta supervisada por Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica, polo que a andaina serve para que as/os participantes siguan afianzando o aprendido nos obradoiros ou comezar a aplicar algúns trucos desta modalidade neste tipo de actividades.
Promoción da actividade física
A través desta actividade, a Concellaría de Sanidade ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais.
Así, entre o amplo abano de beneficios que supón a realización de exercicio físico atópase a mellora da función cardiorrespiratoria, da forza muscular e da masa ósea, ademais de converterse nun factor clave para combater a obesidade. Asemade, esta práctica diminúe o desenrolo de factores de risco asociados a enfermidades crónicas como é o caso de hipertensión, diabetes, hipercolesterolemia ou osteoporose. Por outra banda, o deporte tamén mellora a autoestima, posto que permite reducir os síntomas de ansiedade e depresión e diminuír o estrés. Neste senso, a realización de actividade física, ademais de divertido axuda a sentirse máis feliz.
Calendario de andainas durante o 2019
Entre os meses de marzo e decembro deste 2019 programaronse un total de 30 andainas, das que 16 teñen lugar en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. Así, en Bertamiráns haberá andaina os días 20 de xuño, 5 e 19 de setembro, 3, 17 e 31 de outubro, 14 e 28 de novembro, e 12 de decembro. No Milladoiro realizarase esta actividade os días 27 de xuño, 12 e 26 de setembro, 10 e 24 de outubro, 7 e 21 de novembro, e 5 e 19 de decembro.