- Tematica
Este venres, 21 de xuño, o alumnado do IES Plurilingüe de Bertamiráns presenta o seu traballo de interpretación botánica dos parques e xardíns de Bertamiráns. O proxecto, realizado en colaboración coa Aula da Natureza e a OMIX ao longo do curso 2018/19, consta dun caderno de peto que recolle información en galego, castelán e inglés sobre as distintas árbores que habitan o núcleo urbano; a colocación de 55 placas identificadoras das distintas especies situadas nos xardíns do Pazo da Peregrina e da Praza de Chavián, e un mural de sete metros de longo instalado no paseo fluvial de Bertamiráns. A presentación comezará no Pazo da Peregrina sobre as 10.45h e continuará no paseo fluvial de Bertamiráns ás 12.00 horas.
Este evento supón a culminación dun intenso traballo de recoñecemento, catalogación e identificación das especies botánicas que habitan os parques e xardíns de Bertamiráns, no que participan tanto alumnos e alumnas do IES de Ames como persoal da Aula da Natureza e da OMIX do Concello de Ames. No tocante á temática, o proxecto abárcase tanto dende un punto de vista botánico, a través do que se identifican e caracterizan as distintas especies, como dende o ámbito artístico, que cristaliza nun mural ao aire libre no que se plasman estas especies localizadas.
Asemade, debido á amplitude do traballo os e as participantes dividíronse en dous grupos, un primeiro que se centrou no aspecto botánico do proxecto e outro encargado da parte artística. O primeiro destes grupos foi conducido polo profesor de Bioloxía e Xeoloxía Roberto Amarelle e a Aula da Natureza do Concello, e estivo formado polo alumnado de 1º da ESO. Así, este equipo encargouse de elaborar planos dos distintos espazos botánicos de Bertamiráns, a recollida de follas e a identificación das mesmas no laboratorio, así como da busca de información e a elaboración dunha ficha para cada especie identificada.
Estas fichas conteñen nome, localización e detalles do porte xeral das árbores, tanto das follas como das súas flores e froitos. Por último, todas elas foron elaboradas en galego, castelán e inglés; e compiláronse nun caderno de peto maquetado por Roberto Marelle e editado polo Concello de Ames, co obxectivo de poñelo a disposición de todas as persoas interesadas en coñecer mellor a vida botánica de Bertamiráns. Con esta mesma finalidade, o grupo tamén elaborou un total de 55 postes identificadores, que serán colocados ao pé das distintas árbores identificadas para facilitar que os viandantes coñezan os distintos tipos de árbores que copan a paisaxe deste núcleo urbano.
Por outra banda, o segundo grupo estivo coordinado pola profesora de Educación Plástica do IES de Ames Renata Otero e englobou ao alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato, que foron os encargados de conducir o estudo no ámbito artístico. O equipo traballou na preparación e elaboración dun mural ao aire libre a través do que mostrar os resultados do estudo a través do arte.
Así, durante o curso as mozas e mozos participaron en varias charlas e obradoiros sobre grandes pinturas organizados pola Oficina Municipal de Información Xuvenil, e realizaron o deseño das ilustracións e a elaboración de bocexos previos, para o que tiveron que poñer en práctica os seus coñecementos sobre cores, proporcións e debuxo. A comezos de xuño, todo este traballo cristalizou nun mural de sete metros de longo situado no paseo fluvial de Bertamiráns, onde plasmaron as distintas especies arbóreas localizadas, así como a fauna máis representativa dos espazos estudados.
Por último, todo o traballo realizado durante o curso 2018/19 ao abeiro deste proxecto de interpretación botánica dos parques e xardíns de Bertamiráns culmina este venres coa presentación oficial do acadado após nove meses de actividade. O evento comezará arredor das 10.30h no Pazo da Peregrina para, de seguido, trasladarse ao paseo fluvial de Bertamiráns.