- Tematica
Este venres, 21 de xuño, remata o curso lectivo 2018/19. En Ames esta despedida das aulas ven acompañada polo tradicional concerto de fin de curso do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, que este ano conta cun repertorio no que ten cabida un amplo abano de formatos e estilos. Esta actuación ten lugar a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, e está aberta a toda a veciñanza.
O obxectivo deste evento musical é mostrar parte do traballo que o alumnado das distintas disciplinas impartidas na EMMA realizou ao longo do curso lectivo que chega ao seu fin. Por elo, o programa esta marcado por unha ampla variedade de formatos, como pezas individuais, dúos e actuacións nas que participan agrupacións máis grandes. Asemade, o repertorio contén estilos para todos os gustos, dende actuacións nas que a música clásica é a protagonista ata pezas de música moderna, sen esquecerse da música tradicional.
Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Ames conta con cerca de douscentos alumnos e alumnas, de idades superiores aos seis anos. Dende a súa inauguración esta institución ten como obxectivo achegar a música á poboación de Ames dunha forma aberta, lúdica e creativa.