- Tematica
O campo de fútbol do Milladoiro acolleu este domingo o Torneo da Amizade, organizado polo Milladoiro SD en colaboración co Concello de Ames. O evento, disputado a modo de liguiña, contou coa participación do Milladoiro SD, o SD Compostela, As baleas de Camariñas e dous equipos do Spanish Soccer School de Dubai, un dos cales se proclamou vencedor do torneo. A concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, foi a encargada de entregarlle o trofeo de gañador ao Spanish Soccer School A, así como os agasallos ao resto dos participantes.
Durante a mañá deste domingo, 30 de xuño, os equipos Milladoiro SD, o SD Compostela, As baleas de Camariñas, Spanish Soccer School A e Spanish Soccer School B disputaron o Torneo da Amizade no campo de fútbol municipal do Milladoiro. A competición, que constou dun total de dez partidos, disputouse en formato liguilla, no que todos os equipos se enfrontaron entre si. Cada un dos equipos disputou dous partidos de 20 minutos.
Esta xornada non só estivo marcada pola práctica do fútbol, senón que os rapaces/as tamén pasaron unha mañá entretida na que almorzaron xuntos e, ao final do evento, gozaron dunha sesión de refrescos e pinchos. Susana Señorís, concelleira de Deportes de Ames, foi a encargada de entregar o trofeo ao Spanish Soccer School A, equipo gañador da competición. Asemade, todos os participantes recibiron unha bolsa de doces e un agasallo.
O presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González fai un balance moi positivo da experiencia e espera repetir para o vindeiro ano. Pola súa banda, a concelleira Susana Señorís afirma que "este tipo de actividades, marcadas polo fomento do deporte, os intercambios culturais, o compañeirismo e a amizade, conforman unha experiencia moi enriquecedora e positiva para os participantes" .
A Spanish Soccer School é unha academia radicada en Dubai, que conta con rapaces/as de todo o mundo. A escola está dirixida por Míchel Salgado, ex-xogador galego do Celta de Vigo e do Real Madrid.