Solapas principales

Ortoño celebra este domingo a XV Festa do chourizo ao viño e a VIII Degustación da orella de porco cocida

Jueves, 11 de julio de 2019

A parroquia de Ortoño celebra este domingo, 14 de xullo, unha nova edición da súa tradicional Festa do chourizo ao viño. A iniciativa organizada pola  Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, chega á súa decimo quinta edición acompañada pola Degustación da orella de porco cocida, que este ano cumpre oito anos. O xantar terá lugar na Carballeira de San Xoán e estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Retranqueiros e a Tuna de Dereito de Santiago. Ademais, actuarán o dúo Eva e Camilo, así como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Os tíckets para xantar poderanse adquirir o domingo na festa.

A xornada dará comezo ás 12.15h cunha misa. De seguido, a partir das 13.00 horas, serviranse as primeiras cuncas de Ribeiro, racións de chourizo ao viño acompañadas por cachelos, e de orella de porco cocida. Os membros da propia organización serán encargados de cociñar todos os pratos, arredor dunhas 500 racións de orella e 1.000 de chourizo, para dar de comer ao público.

Os tíckets para xantar poderanse adquirir o domingo no propio campo da festa de Ortoño. A tarteira de barro con chourizos, cachelos, pan, viño, xeado e café custa 9 euros. As persoas que queiran repetir poderano facer por un prezo de 4 euros máis. Por outra banda, un prato de orella con pan e viño ten un custo de 5 euros.

Na zona instalarase unha carpa para resgardar as mesas. O xantar estará amenizado pola banda de gaitas e baile rexional Os Retranqueiros e pola Tuna de Dereito de Santiago de Compostela. Mentres se serven os cafés e a sobremesa, comezará a soar a música do dúo Eva e Camilo, que acompañará á festa ao longo da tarde. Ademais, a partir das 19.00h, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre subiranse ao escenario para presentar Noró (Algunhas músicas do norte), o seu último traballo. Esta actuación está financiada polo Concello de Ames e AGADIC.

Pola tarde tamén terá lugar o XIV Campionato de Chave por parellas das Festas do Chourizo ao Viño, que comezará ás 16:30 horas. As parellas que queiran inscribirse poderán facelo o propio día da festa ata as 16:00 horas. Os/as gañadoras recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames, así como outras sorpresas. Asemade, no recinto instalaranse tamén inchables gratuítos para que xoguen as crianzas, cedidos á organización por Tiko Doco.

Portada XV Festa do chourizo ao viño 2019

Multimedia

  • XV Festa do chourizo ao viño 2019