- Tematica
Ames Jazz chega este venres, 20 de setembro, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Mónica de Nut e Virxilio da Silva, por unha banda, e Xacobe Martínez Antelo Trío, pola outra, serán os encargados de dar continuidade á aposta do Concello de Ames por este formato musical, que viviu o seu primeiro encontro en xuño do ano pasado. Ames Jazz comezará ás 22:30 horas e con entrada de balde. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Mónica de Nut, acompañada polo guitarrista Virxilio da Silva, achegará á veciñanza o seu segundo disco que leva por título Dos fíos invisibles chegan as cores, onde afonda na súa proposta de infusionar a música clásica, o folk, o jazz e o blues. Nesta nova proposta musical atopamos música tradicional galega a través dos alalás, bo blues, e música clásica. Un traballo visceral, natural e directo que, a bo seguro, fará as delicias dos asistentes ao encontro.
Xacobe Martínez Antelo, logo de liderar varios proxectos en formato de trío, cuarteto e quinteto, como cos Monquillos, Martelo ou Sumrra, chega a Ames para presentar o seu cuarto traballo Capturas, con oito temas creados en tres meses e inspirados na realidade que nos rodea, e con títulos reivindicativos e actuais. Capturas é outro paso na carreira de Xacobe Martínez Antelo no que confirma que sabe buscar novos entornos ao seu jazz contemporáneo, sen deixar de lado a improvisación ou a fluidez.
Para a concelleira de Cultura, Natividade González, Ames Jazz supón “seguir apostando por un estilo musical moi presente no noso concello, como no caso de Xacobe Martínez, e gozar do bo jazz que se fai en Galicia. É unha música que non ten idade e que, a bo seguro, vai facer que moitas familias pasen unha noite extraordinaria con músicos de jazz de tanto renome no panorama musical actual”.