- Tematica
Co gallo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, organiza o I Encontro de Maiores de Ames. O pavillón do IES do Milladoiro, situado no número 5 do Paseo da Igualdade, acollerá esta primeira xuntanza deste colectivo amesán, cunha gran festa que incluirá un xantar, música e xogos. Será o sábado, 5 de outubro, a partir das 13:30 horas. O prezo por persoa é de 15 euros e os interesados e interesadas en apuntarse pódeno facer nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns; na Casa dos Maiores do Milladoiro, na rúa Figueiras, número 3; ou na Casa do Concello.
Co obxectivo de dar continuidade ás moitas actividades que o Concello de Ames pon a dispor das persoas maiores do municipio, de establecer vínculos de amizade entre elas e de avanzar na idea de contar cunha terceira idade activa, forte, saudable e participativa, a Concellaría de Benestar Social decidiu organizar este I Encontro dos Maiores de Ames. Os asistentes ao evento, que se desenvolverá o sábado, 5 de outubro, no pavillón do IES do Milladoiro, poderán gozar dun xantar popular, amenizado con boa música e diferentes xogos para pasar unha tarde entretida.
A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, manifestou que “o que pretendemos e dar un paso máis na idea de atender e preocuparnos dos nosos maiores, desta volta cun encontro que a bo seguro vai facer que pasen unha xornada que lles permitirá estreitar lazos de amizade, compartir inquedanzas e, sobre todo, pasalo moi ben. Ames conta cunha poboación maior moi activa e participativa e queremos aportar o noso grao de area para facilitarlles a participación, xa non so en todas as actividades saudables, culturais e sociais que lles ofrecemos, senón tamén para que aproveiten o seu tempo de lecer”.