- Tematica
A Concellaría de Benestar Social informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará o día 10 no Milladoiro e o día 11 en Bertamiráns. No Milladoiro, o vehículo estacionará na rúa Cruxa, na intersección coa rúa Rosalía de Castro; mentres que en Bertamiráns estará ao carón da praza da Maía. En calquera das dúas localidades, os doantes poderán achegarse en horario de 15.30 a 21.00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.
A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias. Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos... Desde 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto.
Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico). En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día xa que, diariamente, os hospitais atenden unha media de 2.800 urxencias, máis de 575 intervencións cirúrxicas e transplantes de órganos.
Recomendacións para doar
Premendo nesta ligazón pódese obter material informativo sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar. Tamén podes ver estes vídeos nos que se explica polo miúdo o proceso de doar sangue: Doazón de sangue en Galicia e Como salvar vidas en 10 minutos.
Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.