Solapas principales

O Concello de Ames conmemora o Día Universal do/a Neno/a animando ás familias a non privar as crianzas do dereito a adquirir a nosa lingua

Miércoles, 20 de noviembre de 2019

O Día Universal do Neno, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo. Así, hoxe é un día para que todo o mundo coñeza os dereitos dos nenos e para lembrar a importancia de traballar para conseguir o benestar de todos os nenos e nenas do mundo, comezando polos do noso concello. Con motivo de dita conmemoración o Servizo de Normalización Lingüística de Ames quere festexalo animando ás familias a non privar ás crianzas do dereito a adquirir a nosa lingua. Así, hoxe procedese á emisión da historia de Ánxela e Ben, unha das primeiras familias que se sumou ao programa Apego de Ames e que hoxe viven en Dinamarca.

O Día Universal do/a neno/a é un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos/as nenos/as máis desfavorecidos/as, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.  UNICEF traballa todo o ano para conseguir cambios reais na vida dos nenos e as nenas, e o Día Universal do Neno é un momento clave para sumarnos a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos máis vulnerables.

Este 2019 coincide co 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), polo cal é un motivo de dobre celebración para todos. O obxectivo do Día Universal do Neno é lembrar á cidadanía que os nenos son o colectivo máis vulnerable e, por tanto, que máis sofre as crises e os problemas do mundo.  Este día mundial lembra que todos os nenos teñen dereito á saúde, a educación e a protección, independentemente do lugar do mundo no que nacesen.

Dedicar un día internacional á infancia tamén serve para facer un chamamento mundial sobre as necesidades dos máis pequenos e para recoñecer o labor das persoas que cada día traballan para que os nenos e nenas teñan un futuro mellor. Hoxe é un día para que todo o mundo coñeza os dereitos dos nenos e para lembrar a importancia de traballar para conseguir o benestar de todos os nenos e as nenas do mundo, comezando polos do noso concello.

Os dereitos da infancia poden agruparse en tres grupos. Primeiro, os relativos á protección, como o dereito á vida ou o dereito a ser protexido contra todo tipo de abuso, violencia ou explotación. En segundo lugar, os dereitos de provisión, como o relativo a un medio ambiente limpo e san, ou a dispoñer dos recursos para un correcto desenvolvemento físico, mental e social. E en terceiro lugar, os dereitos de participación, como o dereito á nacionalidade e a identidade.

O dereito a adquirir a nosa lingua

O Servizo de Normalización Lingüística de Ames quere festexar este día animando ás familias a non privar as crianzas do dereito a adquirir a nosa lingua. Así, hoxe procedese á emisión da historia de Ánxela e Ben, a primeira familia que se sumou ao programa Apego de Ames e que hoxe viven en Dinamarca. Aléntase desta maneira aos fogares a non privar as crianzas do dereito a medrar felices e orgullosas de quen son, coa certeza de teren unha lingua que as conecta coa memoria desta terra e que lles abre mil portas para o futuro, que as identifica e que as sitúa no universo para, partindo de aquí, coñecer o mundo enteiro.

No vídeo, gravado en Bertamiráns, eles mesmos relatan como era a súa relación co galego dende a súa infancia e como esta cambiou coa chegada dos seus fillos e súa decisión de crialos na nosa lingua.

“Nunca falaramos galego entre nós, nin viamos necesidade ningunha. Pero así como quedou embarazada, xurdiu de xeito natural a posibilidade de educar ós nosos fillos en galego” relatan. E engaden que “preocupábanos que, por unha cousa ou por outra, á nosa nena lle pasara como a nós, que malgastara un recurso poderosísimo por culpa da preguiza; que abandonara toda unha cultura por mor de seguirlle a corrente a quen non entendía a súa importancia”.

Ánxela e Benxamín viven hoxe en Dinamarca, pero comentan que Galicia está máis presente ca nunca nas súas vidas. Decidiron chamar Bran ao seu segundo fillo, igual que o deus celta. Nas primeiras vacacións despois do seu nacemento, foron buscar a súa caixa de Apego. Explican que “o  galego é un recurso poderoso, pero sobre todo, é un agasallo fermosísimo;  mudou as nosas vidas por completo a base de agarimo e tenrura. Hoxe vivimos unha vida privilexiada, na que empregamos con fluidez tres idiomas sen os que xa non saberiamos vivir”.

Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo de Ánxela Costas Caride e Benxamín Trillo Díaz, unha das primeiras familias que se sumou ao programa Apego en Ames.

O programa Apego

Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Ten como destinatarios a familias empadroadas en Ames que agardan un bebé ou que teñen un neno ou nena de entre 0 a 6 anos. Pode solicitarse unha cita, para inscribirse no programa, a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse na súa páxina web .

Día Internacional dos Dereitos do Neno

Multimedia

  • Embedded thumbnail for