- Tematica
Esta mañá, ás 11.00 horas, presentouse no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, a Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera, da que forma parte a Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames, xunto con outras cinco asociacións de Galicia. Nace co espírito de salvagardar en Galicia un arte centenario que espera ser inscrito na lista representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO.
A sala do Obradoiro do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá o acto de presentación da Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera, da que forma parte a Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames, xunto con outras cinco asociacións de distintas localidades galegas. Por parte do Concello de Ames asistiron ao evento o alcalde, José Miñones, xunto coa concelleira de Cultura, Natividade González, o concelleiro do grupo municipal popular, Francisco Javier Olmo, e varias persoas que forman parte da Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames.
Manuel Fraga Carou exerceu de mestre de cerimonias e foi o encargado de ir dando paso ás autoridades que interviron no acto de presentación. En primeiro lugar interviu Manuel Alonso Loriente, presidente da Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efímera. A continuación foi a quenda de Vicenta Pallares, presidenta da Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efímero. Logo interviron Roberto García Pernas, deputado da área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo; Blas García, deputado da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, que tamén é concelleiro do goberno municipal de Ames; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, que foi o encargado de pechar o acto.
A Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera constituíuse no mes de setembro, pero hoxe realizouse a súa presentación de maneira oficial. Está conformada por seis asociacións de alfombristas de arte efémero de Bueu, Ponteareas, Moaña, Rianxo e Ames, as cales son tamén fundadoras desta federación que espera seguir sumando novos membros incluso a nivel internacional.
A amesá María José Bello Vidal, presidenta da Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames, será a encargada da tesourería desta nova federación, que ten como presidente a Manuel Alonso Loriente, da Asociación cultural de alfombras de Bueu. O vicepresidente é Carlos Henrique Fernández Coto, da Asociación Cultural Ondiñas Mainas de Rianxo; e o cargo de secretario ocúpao Jorge Talavera Alfaro, da Asociación Cultural Corpus as Monxas de Ponteareas. Como vogais figuran Juan Perez Rodas, da Asociación Moaña Antiqua de Moaña e Eva Juncal Piñeiro, da Asociación Cultural Costumes de Cela en Bueu.
O obxectivo fundamental desta federación é unir a todas as persoas que se dedican ao arte do alfombrismo, porque segundo relatan so seus fundadores, son un colectivo un pouco disperso. A este propósito inicial súmaselle outros como facerse ver e fomentar o asociacionismo nas distintas localidades para conseguir máis axuda por parte dos concellos, e que a federación siga medrando incluso a nivel internacional.