Solapas principales

O Concello de Ames conmemorou con diferentes actos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Martes, 03 de diciembre de 2019

Esta mañá o Concello de Ames realizou diversos actos para a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Desta maneira, o día comezou cun almorzo de diferentes representantes do concello con integrantes de Arcea-Adames na Casa da Cultura do Milladoiro. Seguidamente, ás 11.00 horas, realizouse un acto no exterior da Casa da Cultura ao abeiro da campaña “Baixo o mesmo paraugas”.

Esta mañá varios representantes do concello e integrantes de Arcea-Adames desfrutaron dun almorzo na Casa da Cultura do Milladoiro. Entre eles encontrábase a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas.

Ao remate deste, e despois de recibir uns pequenos agasallos, os integrantes de Arcea e os membros do concello abriron e levantaron os seus paraugas de cores sumándose á campaña “Baixo o mesmo paraugas”, a través da que se intenta representar unha sociedade na que se acolle a todos os seus integrantes de maneira igualitaria, aínda que todos teñamos as nosas diferencias. Para rematar o acto, os integrantes de Arcea leron cadanseus desexos para o futuro.

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi declarado en 1992 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas. O obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenrolo, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

 Este ano o Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) céntrase no empoderamento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sostible, tal como se pedía na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, que se compromete a “non deixar a ninguén atrás” e que se considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implementación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Nos Obxectivos faise referencia á discapacidade, especificamente nas partes relacionadas coa educación, o crecemento económico e o emprego, a desigualdade e a accesibilidade dos asentamentos humanos, así como a recompilación de datos e o seguimento dos ODS.

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Multimedia

  • Día Internacional das Persoas con Discapacidade
  • Día Internacional das Persoas con Discapacidade
  • Día Internacional das Persoas con Discapacidade
  • Día Internacional das Persoas con Discapacidade