Solapas principales

Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado

Lunes, 09 de diciembre de 2019

O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do pasado sábado, 7 de decembro. Desde ese momento, as luminarias engalanan os principais edificios municipais e iluminan as rúas e as prazas do Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Mateo Sanmartín Castro, un dos gañadores do concurso de cartas de Nadal 2018, foi o encargado de premer o botón de acendido das luces. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do coro da Escola Municipal de Música de Ames e cunha chocolatada con churros gratuíta.

Este pasado sábado, pola tarde, celebrouse o acto de acendido do alumeado de Nadal. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedaron engalanadas con motivo das festas de Nadal. Deste xeito, colocáronse máis de 130 arcos nas rúas, arcos de Boas Festas e ilumináronse as principais prazas dos núcleos urbanos. Tamén se colocou iluminación de Nadal nos edificios municipais e decoráronse os farois e arbores das rúas amesás.

Os principais elementos decorativos están colocados na praza do Concello, onde hai unha árbore artificial iluminada de 15,5 metros; unha bola xigante de 5,5 metros de diámetro na praza da Madalena, no Milladoiro; mantas de luces nas pérgolas da praza de Manuel Murguía, tamén no Milladoiro; e un motivo luminoso co número 2020 de dous metros de alto na praza da Maía, en Bertamiráns. O alumeado de Nadal manterase acendido ata o vindeiro 6 de xaneiro.

A inauguración da decoración correu a cargo de Mateo Sanmartín Castro, alumno de infantil do colexio Agro do Muíño e un dos gañadores do concurso de cartas de Nadal 2018, que acompañou ao alcalde de Ames, Jose Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, no acendido do alumeado de Nadal. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do coro da Escola Municipal de Música de Ames e cunha chocolatada con churros gratuíta. Moitos veciños e veciñas achegáronse ata a praza do Concello para participar neste acto.

A concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “a programación de Nadal, que arrancou a pasada semana e se prolongará ata principios de xaneiro, está cargada de actividades. Dita programación inclúe importantes novidades. Durante 33 días desenvolveranse máis de 100 actividades para todos os públicos. Isto súmase ao reforzo que se lle deu este ano ao alumeado e Nadal que conta con novos elementos decorativos nas prazas e rúas do concello”.

Campaña Ilumina o teu sorriso
Por outra banda, as asociacións de comerciantes de Ames, en colaboración co Concello, van a desenvolver de forma conxunta a campaña Ilumina o teu sorriso. Nas próximas datas farase unha presentación de dita campaña e publicaranse as bases do concurso.

Para participar no concurso haberá que facer unha foto en catro lugares do concello: na árbore de Nadal da praza do Concello, no motivo luminoso co número 2020 da praza da Maía; nas pérgolas iluminadas que están na praza de Manuel Murguía e na bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro. As catro fotos haberá que envíalas a unha conta de correo. As persoas que envíen as fotos entrarán no sorteo dun teléfono móbil de última xeración.

Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal

Multimedia

  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal
  • Imaxe do acto de acendido do alumeado de Nadal