- Tematica
Este xoves, 19 de decembro, ás 20.30 horas, preséntase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o libro da xornalista amesá Narazet López: “Formigas nos pés”. En dita presentación estarán José Miñones, alcalde de Ames; Fran Alonso, director de Xerais; Xosé Antonio López Silva, profesor e filólogo; Armando Requeixo, crítico literario; Natividade González, concelleira de Cultura do Concello de Ames e a música e pintora, Celia Pía.
O departamento de Cultura do Concello de Ames organiza, dentro da programación das Bibliotecas Municipais para este mes de decembro, a presentación da primeira novela da xornalista Nazaret López. “Formigas nos pés”, de edicións Xerais. É un retrato do que somos como sociedade a través da mirada dunha muller á que todo se lle desmorona cando chega aos 50, e que se debe de redescubrir dende ese punto de devastación interna, para aprender a camiñar sen aqueles brazos que ela cría eternos.
Unha novela sobre unha ruptura, pero tamén unha obra na que se fala das mulleres, e da súa construción como “tribo” ante adversidades que lles depara a vida. Porque aínda que a protagonista é unha muller que entra na chamada xeración dos 50, tamén se reencontra con todas “elas”: ela mesma en diferentes etapas da súa vida, as súas amizades, a súa familia... E todo isto, tratando un tema universal como é a dor, e das fases que esta representa.
A autora da capa do libro é Celia Pía, unha música e pintora que tamén cobra importancia na novela, xa que moitas das súas músicas son utilizadas pola autora para representar diferentes momentos desta historia de superación.
Nazaret López é unha xornalista amesá que leva arredor de 15 anos traballando no departamento de Comunicación e na radio municipal do Concello de Ames. Anteriormente, traballou en medios de comunicación como na Televisión de Galicia, Televisión Española, e diferentes medios radiofónicos. Nazaret López conta cunha gran bagaxe dentro do mundo do teatro, con creación e dirección de diferentes obras. Agora, estréase no ámbito novelístico coa obra “Formigas nos pés”.