- Tematica
Dende hoxe ao 23 de decembro hai programadas 31 actividades destinadas a todos os públicos para que a veciñanza amesá siga desfrutando das festas de Nadal. A gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de teatro Lido, presentacións de libros, unha andaina solidaria, fotomatóns con Papá Noel, un torneo de tenis, unha carreira ciclista ou diferentes obradoiros relacionados coas festas de Nadal, son algunhas das moitas actividades programadas para estes próximos días. Para máis información, neste enlace podes acceder ao programa completo.
No día de hoxe a programación seguirá desenvolvéndose con diferentes actividades do departamento de Bibliotecas: dous contacontos e a presentación do libro “Formigas nos pés”, da xornalista amesá Nazaret López. “Carmiña e a súa banda” e “Fito está de aniversario” son os dous contacontos que se levarán a cabo esta tarde na Biblioteca de Bertamiráns e na do Milladoiro, respectivamente, ás 17.30 horas. Posteriormente, ás 20.30 horas, a xornalista Nazaret López presentará no Pazo da Peregrina a súa primeira novela: “Formigas nos pés”, de edicións Xerais.
Xa o venres 20, terá lugar unha andaina saudable solidaria, a favor do Banco Municipal de Alimentos. Será ás 17.30 horas na carpa da Praza de Chavián, en Bertamiráns, está destinada a todos os públicos e pódese asistir disfrazado ou con algún motivo de Nadal.
Posteriormente o sábado 21, Papá Noel visitará Ames para que todo aquel que queira poida facerse unha foto con el. Estará na carpa da Praza de Chavián, en Bertamiráns, das 12.00 ás 14.00 horas e das 17.30 ás 19.30 horas. O fotomatón será gratuíto presentando un tícket de compra de calquera establecemento do Concello de Ames. Pero non será a única visita de Papá Noel ao concello, xa que volverá a estar o día 23 no mesmo horario na carpa da Praza de Manuel Murguía do Milladoiro.
Asemade, durante estes días o departamento de Deportes organiza diferentes torneos. Así, o sábado 21 pola mañá, desenvolverase un torneo de Nadal de xadrez no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Xa pola tarde, terá lugar a XIII Carreira Ciclista do Pavo nos arredores do parque do Río Ameneiral, en Bertamiráns, con xincanas ciclistas para os máis pequenos. Todo isto, xunto co I Torneo de Nadal de Tenis e Minitenis do Concello de Ames, que se desenvolverá os días 21 e 22 de decembro nas pistas de tenis de Aldea Nova e sobre o que tes máis información nesta nova.
Obradoiros con temática de Nadal
Ademais están programados máis de 15 obradoiros con temática de Nadal que se desenvolverán no Milladoiro e Bertamiráns: obradoiros de galletas de Nadal para maiores, de decoración de candeas, de confección de bolsas de papel, de creación dunha árbore de Nadal con materiais da natureza, de empaquetado de agasallos, de realización de bonecos de arame, de cociña de Nadal saudable, de cupcakes ou un showcooking de turrón de chocolate.
Para os amantes da informática e a multimedia, hai tamén programadas dúas actividades o luns 23 de decembro que poden ser de interese: un obradoiro de tarxetas de Nadal con Scratch para nenas e nenos de 9 a 12 anos na Aula de Informática, e unha carpa multimedia que se instalará ese día na Aula de Multiactividades da Casa da Cultura de Bertamiráns, destinada a todos os públicos.
No caso de inscribirse nalgunha actividade, é necesario escribir nos correos electrónicos o nome e apelidos dos participantes, idade e telefono de contacto. Para máis información sobre horarios, lugares e inscricións, consulta a programación completa que se encontra ao pé desta nova.