Solapas principales

O Pleno debaterá sobre a sinatura dun convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora do firme da avenida da Maía

Lunes, 23 de diciembre de 2019

Este xoves, 26 de decembro, realizarase o pleno ordinario do mes de decembro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora do firme da avenida da Maía. Outros temas que se tratarán serán a formalización de dous convenios coa Deputación da Coruña, un para o cofinanciamento de obras na ponte Cabirta e outro para o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. Tamén se debaterá a aprobación dun plan económico-financeiro para o período 2019-2020; a modificación da ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público; a terceira modificación do ROM; a modificación dos estatutos da Asociación de entidades pola Lingua Galega; a modificación do proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián; e dúas propostas. Estes temas foron previamente tratados o pasado venres, 20 de decembro, nas comisións informativas.

No pasado mes de setembro o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na que acordaron a sinatura dun convenio, ligado ao orzamento da Xunta de 2020, para transferir a avenida da Maía ao Concello de Ames e maila mellora do firme do tramo desta estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390.

Deste xeito, o Pleno deberá aprobar, se procede, dito convenio para que a Xunta financie con 140.101,75 euros a mellora do firme da travesía AC-543, en Bertamiráns. Esta vía precisa dunha mellora no firme da estrada que consiste na reparación de blandóns e roturas, tratamento superficial e o repintado das marcas viarias aproximadamente nuns 2.140 metros de lonxitude. En dito convenio tamén se recolle que se asinará, antes da licitación da obra, a acta de entrega correspondente á transferencia da titularidade do treito desta estrada.

Outros temas que se tratarán serán a formalización de dous convenios coa Deputación da Coruña, un para o cofinanciamento de obras na ponte Cabirta e outro para o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. Na Xunta de Goberno Local do 8 de novembro de 2019 adoptouse o acordo de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para realizar as obras de protección e consolidación da calzada e o arco da ponte Cabirta no río Sar. A subvención solicitada é do 75% do custe de realización das obras (27.000 euros). Esta actuación ten un presuposto total de 36.000 euros.

Por outra banda, o Concello de Ames solicitoulle á Deputación da Coruña unha subvención para o cofinanciamento das obras de acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. Dita solicitude foi aprobada na Xunta de Goberno Local do pasado 14 de novembro de 2019. O orzamento das obras, segundo o proxecto técnico redactado ao efecto, estímase en 78.920,40 euros. Neste caso a Deputación cofinanciaría ao 75% (52.000 euros) a realización das obras deste proxecto.

Plan económico-financeiro 2019-2020
Outro dos asuntos importantes que se debaterán será a aprobación dun plan económico-financeiro para o período 2019-2020 de acordo co previsto no artigo 21 da Lei orgánica 2/2012 do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira por incumprimento da regra de gasto a 31 de decembro de 2018.

En dito plan recóllese que as causas que levaron ao Concello a incumprir a regra do gasto son o menor recoñecemento no exercicio de dereitos por subvencións finalistas e mailo incremento do gasto corrente no exercicio 2019. Deste xeito, o Concello debe aprobar un plan económico-financeiro que se limite a expor a orixe do desequilibrio en termos de contabilidade nacional e a recoller aquela medida que lle permita, como máximo a 31 de decembro de 2020, cumprir con este principio.

Así o Pleno do Concello de Ames con data 31 de outubro aprobou inicialmente a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles, esta modificación implica o incremento do tipo impositivo do IBI do 4,44 % actual para os inmobles de natureza urbana ao 0,50%. Esta medida así como a planificación do gasto e dos investimentos nos orzamentos 2019-2020 permitiralle ao Concello o cumprimento da regra de gasto en ambos exercicios.

Ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos
Tamén se debaterá a modificación da ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público, que tras máis de dez anos dende a súa aprobación, agora é preciso efectuar unha modificación íntegra da mesma, que suporá a súa derrogación expresa.

A modernización e mellora na calidade dos servizos prestados polo Concello implica cambios de toda índole e esixe a modificación da normativa para a procura da mellora do proceso administrativo e a redución das cargas cargas administrativas que se impoñen aos cidadáns. Os 63 artigos cos que consta esta ordenanza divídense en títulos, capítulos e seccións. Ademais, consta de tres disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dunha disposición final en capítulos, seccións e artigos.

Esta ordenanza establece mecanismos tendentes á redución das cargas administrativas innecesarias o accesorias, como no caso da tramitación dos expedientes de fraccionamento e aprazamento que é modificado substancialmente. Nesta liña, afóndase na axilización dos procedementos con especial énfase na súa tramitación electrónica. Tamén se adoptan diversas medidas facilitadoras do pagamento de tributos, como a simplificación das formas de pago mediante o impulso da domiciliación ou do cargo en conta e, en especial, do pago mediante tarxeta bancaria.

Outros temas a debater
Outros temas a tratar serán a terceira modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames para modificar os artigos 10 e 15; a modificación dos estatutos da Asociación de entidades pola Lingua Galega, que tivo lugar por acordo da asemblea xeral da Asociación o 29 de outubro e 2019; e a modificación do proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián.

Por último, abordaranse dúas propostas: unha presentada polo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, para a declaración institucional relativa á conmemoración do día internacional contra a corrupción; e outra presentada polos concelleiros/as do BNG, PSdeG, Contigo Podemos e Ames Novo sobre emigración á instancia da plataforma Vía Galega.

O Pleno debaterá sobre a sinatura dun convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora do firme da avenida da Maía