Solapas principales

Os Reis Magos estarán en Ames este domingo, 5 de xaneiro, nunha festa na que haberá espectáculos de pompas, aéreos e luces led

Jueves, 02 de enero de 2020

Este domingo, 5 de xaneiro, as nenas e nenos amesáns celebrarán a chegada dos Reis Magos cunha festa especial, que terá lugar nos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns. Antes, os Reis estarán nas Oficinas municipais do Milladoiro e na Casa do Concello, en Bertamiráns, para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Xa nos pavillóns municipais, participarán na Festa de Reis onde haberá espectáculos de pompas, aéreos e de luces led. Tamén haberá chocolate con rosca para todos/as os/as asistentes.

Un ano máis, os Reis Magos visitarán Ames antes de repartir os agasallos que cada nena e neno lle solicitaron na súa carta. Desta maneira, o Concello de Ames está preparando unha gran festa para recibilos, que se desenvolverá nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Os pavillóns estarán abertos media hora antes da chegada das súas maxestades os Reis Magos.

No Milladoiro, os tres Reis Magos estarán nas Oficinas Xerais ás 17.00 horas, para de seguido, desprazarse ata o pavillón desta localidade, pasando polas rúas Agro do Medio, rúa dos Cereixos e Travesía do Porto. En Bertamiráns, estarán ás 18.00 horas na Casa do Concello, para posteriormente ir ata o pavillón municipal, pasando polas avenidas da Maía e da Peregrina.

Unha vez cheguen aos pavillóns municipais, arredor das 17.30 horas no Milladoiro, e as 18.30 horas en Bertamiráns, participarán na Festa de Reis na que haberá espectáculos de pompas, aéreos e de luces led. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén recibirán a todos os nenos e nenas que queiran falar ou facerse unha foto con eles.

A primeira das representacións que se levará a cabo nas Festas de Reis de cada pavillón será un espectáculo aéreo, no que dous/dúas artistas de circo, especializados na disciplina, realizarán acrobacias aéreas cunha corda. Proseguirase cun espectáculo de pompas, no que dous/dúas artistas elaborarán orixinais e sorprendentes pompas de xabón. E para rematar, tres bailarinas realizarán unha danza na que usarán abanicos feitos de luces led. Ademais, haberá chocolate con rosca para todos/as os/as asistentes.

Festa de Reis 2020

Multimedia

  • Festa de Reis 2020