- Tematica
Este fin de semana rematan as actividades da programación de Nadal do Concello de Ames. En total, prevese que se leven a cabo un total de 10 actividades, entre as que se encontran unha obra de teatro, un espectáculo de música e danza tradicional, obradoiros, e a esperada Festa de Reis deste domingo.
En canto as actividades programadas para esta mesma tarde, no Milladoiro desenvolverase un obradoiro de realización de bonecos de arame na carpa da praza de Manuel Murguía. Tamén no Milladoiro, pero desta vez, no auditorio da Casa da Cultura, realizarase ás 18.00 horas a posta en escena da obra “Cartóons” de Producións Teatrais Excéntricas. As entradas aínda se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello.
No tocante a Bertamiráns, está programado que se leve a cabo un obradoiro de xogos populares e tradicionais de diferentes partes do mundo na carpa da praza de Chavián. Destinado a un público infantil e familiar, será das 17.30 ás 19.30 horas.
Ademais, dende onte estase desenvolvendo o III Torneo de Nadal de Fútbol 8 no campo de fútbol de Bertamiráns. Hoxe coñeceranse os gañadores da categoría alevín, despois de entregar onte os trofeos aos gañadores das categorías prebenxamín e benxamín.
Xa mañá, sábado 4 de xaneiro, haberá dous obradoiros sobre rodas para os máis pequenos. En Bertamiráns, terá lugar na praza de Chavián un circuíto de coches a pedais, en horario de12.00 ás 14.00 horas e das 17.30 ás 19.30 horas. Mentres que no Milladoiro, haberá no mesmo horario un kárting de bicicletas na praza de Manuel Murguía.
Carpa multimedia na praza de Manuel Murguía
Asemade, pola tarde haberá dous obradoiros de ciencia para nenas e nenos na carpa de praza de Chavián e unha carpa multimedia na praza de Manuel Murguía no Milladoiro. Chegadas ás 19.30 horas, celebrarase un Encontro de agrupacións de música e baile tradicional na Casa da Cultura do Milladoiro, con entrada de balde ata completar aforo.
Para rematar coa programación, o domingo 5 os Reis Magos visitarán Ames, cunha recepción real na que haberá varios espectáculos e chocolate con rosca para todos os asistentes. Sobre esta esperada Festa de Reis tes máis información nesta nova.