O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 9 de xaneiro, a gala de entrega de premios da VI edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro. Será ás 20.30 horas, nun evento destinado a todos os públicos con entrada de balde ata completar aforo. Despois da gala a celebración seguirá no Restaurante Central.
Hoxe coñeceranse os gañadores da VI edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro durante unha gala presentada por Salomé Beiroa. Ademais, contarase coa actuación de Pablo Ríos co seu personaxe da Avoa Eufrasia, que comentará cada unha das obras presentadas.
Ao finalizar o evento, poderá desfrutarse dunha xuntanza no Restaurante Central, para realizar un intercambio de impresións sobre este concurso que potencia o parque empresarial.
O Certame de Fotografía Comercial Parque Empresarial do Milladoiro
O certame, que este ano leva a cabo a súa sexta edición, ten como obxectivo a realización de imaxes de calidade e de enfoque comercial sobre o parque empresarial. Neste, puideron participar tanto adultos como menores de idade.
As fotografías podían ser das instalacións, incluída a fachada da nave, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa localización.
Agora, as fotografías participantes encóntranse expostas na Casa da Cultura do Milladoiro, no hall do segundo andar, ata o 15 de xaneiro. Tamén é posible velas no Facebook da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro.
No certame colaboran a Xuntanza de Empresarios de Ames, a Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar, o Concello de Ames e a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro.
Repartiranse máis de 700 euros entre os gañadores
Na gala de hoxe repartiranse máis de 700 euros en premios, entre dúas categorías. Por unha banda, na categoría absoluta, farase entrega dun primeiro premio de 300 euros, 200 euros para o segundo clasificado e 100 euros para o terceiro.
No caso dos galardoados na categoría xuvenil-infantil, o primeiro premio constará nun vale por valor de 75 euros, outro vale por valor de 50 euros no segundo premio e de 40 euros para o terceiro. Todos os galardoados de ambas categorías recibirán tamén un trofeo.