- Tematica
Dende o pasado 3 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación “Entroido Lúdico” que se desenvolverá os días 24, 25 e 26 de febreiro. A través deste programa, o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas. O programa ten un horario de 7.30 á 16.00 horas, incluíndo os servizos de Bos días e comedor.
O departamento de Educación do Concello de Ames pon en marcha o “Entroido Lúdico”, dirixido a nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Primaria, que se encontren empadroados no Concello de Ames. O programa desenvolverase os días 24, 25, e 26 de febreiro, cun programa de xogos e actividades en horario de 9.00 a 14.00 horas. Aqueles que ademais contraten o servizo de Bos días, comezarán ás 7.30 horas, e se utilizan o servizo de comedor, o horario esténdese ata as 16.00 horas.
Para inscribirse, pódense recoller os impresos necesarios no departamento de Educación (Pazo da Peregrina, Bertamiráns) ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén os podes atopar para imprimir directamente no apartado de Avisos da páxina web do concello e ao pé desta nova. Posteriormente, a entrega da documentación necesaria realizarase no Rexistro Xeral do Concello (Bertamiráns) e no Rexistro auxiliar na Oficina Municipal do Milladoiro, ambos en horario de 9.00 a 14.00 horas. O prazo de inscrición remata este xoves 16 de xaneiro.
Ao pé desta nova podes atopar os formularios de inscrición, a documentación necesaria para a reserva de praza e os prezos do servizo. Para máis información, pódese chamar ao 981 891 476 ou enviar un correo electrónico a educacion@concellodeames.gal.