- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova iniciativa promovida pola Concellaría de Mocidade. Trátase do programa Trouleando (Findes para a mocidade), a través do cal se organizarán diferentes actividades lúdicas, deportivas e culturais, durante as tardes - noites do fin de semana. Estas actividades en principio vanse a desenvolver nalgún dos fin de semana da última quincena de cada mes do ano. Dita iniciativa comeza cuns obradoiros de danza urbana, que se desenvolverán o vindeiro venres, 31 de xaneiro, entre as 19.30 e as 21.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns.
Dende a Concellería de Mocidade van desenvolver un programa de ocio para a xente moza mediante actividades lúdicas, deportivas e culturais, que se desenvolverán durante as tardes - noites dalgún dos fin de semana da segunda quincena de cada un dos meses deste ano. A programación destas actividades podería sufrir algunha variación dependendo da climatoloxía ou doutras circunstancias, pero en principio serán a segunda quincena de cada mes.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, foi a encargada de facer a presentación do programa Trouleando. Escarlata explicou que “a idea é crear un ocio alternativo para os mozos e mozas do concello e que todos os meses se poida realizar unha actividade de deportes de aventuras, encontros, actividades relacionadas co mundo audiovisual, saídas, obradoiros de cociña creativa ou relacionados coas artes gráficas e escénicas, etc. Alternaranse os espazos onde se desenvolvan ditas actividades”.
O programa Trouleando (Findes para a mocidade) ofrece una alternativa de ocio participativo e igualitario para a mocidade de todas as idades e para todos os gustos e intereses. Dentro do programa teñen cabida actividades de deporte aventura, saídas, diferentes encontros, actividades audiovisuais, danza urbana... e moitas outras actividades. Para ir coñecendo a programación de dito programa poderanse consultar as redes sociais da OMIX (Instagram e Facebook).
Creación de dous parque de calistenia
As actividades desenvolveranse nas instalacións municipais e prazas públicas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como no anfiteatro do Milladoiro, que se está executando, e no anfiteatro de Lapido que se construirá este ano. Ademais, neste acto aproveitouse para adiantar que dende a Concellaría de Mocidade están traballando para crear dous parque de calistenia nas inmediacións de ditos anfiteatros.
A maioría das actividades son de balde. Haberá algunhas nas que haberá que inscribirse previamente, pero anunciarase con suficiente antelación para que os/as interesados/as poidas apuntarse. A maior parte das actividades estarán dirixidas a mozos e mozas de 14 anos en diante. Na páxina web municipal tamén se irá dando conta das actividades que se realizarán a última quincena de cada mes.
Obradoiros de danza urbana
A primeira actividade do programa consiste nuns obradoiros de danza urbana, que se desenvolverán o vindeiro venres, 31 de xaneiro, entre as 19.30 e as 21.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. En caso de condicións meteorolóxicas adversas esta actividade trasladarase ao anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Nesta actividade desenvolverase tanto un obradoiro de improvisación e experimentación da danza urbana, onde de maneira creativa se xogará con movementos e pautas básicas da danza, para ir introducíndose nela, como un obradoiro coreográfico. Ata alí poderán achegarse todos os mozos e mozas que queiran practicar este baile e introducirse no mundo da danza urbana.
A técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil, Pili Villaverde, destacou na presentación que “a idea é publicar un programa de actividades dirixido á mocidade para que saiban que, como mínimo unha vez ao mes, van a ter en Ames unha actividade dirixida a eles/elas. Ao mesmo tempo é unha forma de implicar á mocidade para que participe nesta iniciativa que albergará actividades de distintos estilos. Este programa vaise a promocionar nos dous institutos do concello para tratar de acostumar aos mozos e mozas a participar na programación do concello”.