Solapas principales

As bibliotecas municipais de Ames programan novos contacontos para os meses de febreiro, marzo, abril e maio

Lunes, 03 de febrero de 2020

As bibliotecas municipais de Ames programan novas sesións de contacontos para os próximos meses. En total, levaranse a cabo nove contacontos ata o vindeiro mes de maio. Estes, serán por partida dobre, cunha sesión de cada conto en cada unha das bibliotecas municipais: Bertamiráns e O Milladoiro. Estas actividades comezan esta mesma semana: os días 5 e 6 de febreiro coa temática de Contos para rir.

As actividades de animación á lectura, que organiza a Concellaría de Cultura, amósalles ás nenas e nenos, mediante sesións de contacontos, o encanto que se atopa nos libros. Ao longo dos próximos meses haberá varias sesións de contos nas bibliotecas do concello (no Milladoiro e en Bertamiráns).

As sesións de contos abordarán ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.

Desta maneira, durante este mes de febreiro comeza con “Contos para rir”, o mércores 5 na biblioteca de Bertamiráns, e o xoves 6 na do Milladoiro. O mércores 19 e xoves 20 é a quenda de “Nais, non hai dúas iguais”, desenvolvéndose o primeiro día na biblioteca do Milladoiro e o segundo na de Bertamiráns. Todas as sesións de contacontos programadas son ás 17.30 horas e están destinadas a nenos e nenas de entre 3 a 8 anos.

Día de Rosalía
O Concello de Ames celebra durante o mes de febreiro diversas conmemoracións a Rosalía de Castro. Sumándose a esta iniciativa, o 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía nas bibliotecas municipais de Ames. En ambas as dúas, tanto na de Bertamiráns como na do Milladoiro, construirase un xardín poético para festexalo e conmemorar a figura da poeta. Todas aquelas persoas que queiran participar poderán pasar polas bibliotecas para colocar a súa flor ata o próximo 26 de febreiro.

Obradoiros de entroido
Asemade, con motivo da celebración das festas do Entroido, levaranse a cabo nas bibliotecas dous obradoiros de disfraces. Nel, os nenos e nenas converteranse en personaxes dun conto por un día.

A actividade comezará lendo dito conto, e posteriormente, realizar o disfrace para converterse no protagonista da historia. Desenvolverase o luns 24 de marzo ás 11.30 horas na biblioteca de Bertamiráns e o mércores 26 á mesma hora na do Milladoiro.

Actividades de marzo, abril e maio
En marzo, comeza o mes cun contacontos en conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8M, con “Contacontos en Lila”. Será o mércores 4 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 5 na do Milladoiro. O mes proseguirá con “Coñeces estes contos? Estás seguro?” cunha recompilación de contos tradicionais o martes 17 na biblioteca de Bertamiráns e ao día seguinte na do Milladoiro.

Xa no mes de abril, é a quenda do contacontos “Croa que croa” o mércores 1 de abril na biblioteca de Bertamiráns e xoves 2 na biblioteca do Milladoiro. Seguidamente, “Historias montruosas” chegará o mércores 15 biblioteca do Milladoiro e o xoves 16 á de Bertamiráns. E para rematar o mes, “Xa somos grandes”, o mércores 29 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 30 na do Milladoiro.

Finalmente, no mes de maio terán lugar dúas sesións: “Coma gatos e ratos” e “Lobos ou lobiños, auuuuuu!!!!”. A primeira delas, o mércores 13 na biblioteca do Milladoiro e o xoves 14 na de Bertamiráns, e a segunda, o mércores 27 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 28 na do Milladoiro.

Contacontos

Multimedia

  • Cartel de febreiro bibliotecas