Solapas principales

Do 13 ao 21 de febreiro está aberto o prazo para inscribirse no curso de inglés English Today! organizado pola OMIX

Miércoles, 12 de febrero de 2020

A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta unha nova edición do curso English Today!, orientado a un coñecemento práctico do idioma para o uso cotiá. O curso impartirase entre o 2 de marzo e o 28 de maio, os luns e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, e os mércores e venres na Casa da Cultura do Milladoiro. As aulas terán unha duración de dúas horas, desenvolvéndose de 20.00h a 22.00 horas. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso conta con prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia os/as mozos/as de 16 a 30 anos. O prazo para presentar as solicitudes comeza o día 13 de febreiro e permanecerá aberta ata o 21 deste mes.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil continúa, un ano máis, coa súa aposta pola formación das mozas e mozos en linguas, que se reflicte nunha nova edición do curso de inglés English Today! Esta iniciativa consistirá nunha aprendizaxe práctica do inglés para o día día, que terá como finalidade que as persoas asistentes consigan comunicarse e comprender o inglés, de maneira que poidan empregalo en contextos e situacións cotiás como unha entrevista de traballo, unha viaxe ou unha consulta médica.

O curso realizarase entre o 2 de marzo e o 28 de maio. Cada aula terá unha duración de dúas horas por xornada, en horario de 20.00h a 22.00 horas. Deste xeito, amplíase en 30 minutos a duración de cada sesión. As clases impartiranse os luns e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, e os mércores e venres na Casa da Cultura do Milladoiro. O número máximo de alumnos será de 10 por curso, para poder obter o máximo aproveitamento das clases, facendo un seguimento regular da evolución da cada participante. A metodoloxía que se empregará será eminentemente práctica. Premendo no enlace que está ao pé desta nova poderás obter as bases e a ficha de inscrición.

Para inscribirse neste curso, as persoas interesadas deberán estar empadroadas no Concello de Ames e ter máis de 16 anos. Así mesmo, terán preferencia á hora de cubrir as prazas as mozas e mozos que se atopen entre os 16 e os 30 anos. Para un bo desenvolvemento do curso, será importante que as persoas inscritas teñan uns coñecementos mínimos de inglés, correspondentes a un nivel ESO ou equivalente, para poder conseguir o máximo aproveitamento. Para iniciar a formación, o curso deberá contar cun mínimo de seis persoas inscritas en cada aula. En caso de non cumprirse este requisito, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “seguimos apostando pola formación da mocidade en linguas. English Today! consiste nunha formación práctica do inglés para o día a día, coa finalidade de obter unha comunicación e comprensión extensa do idioma e poder aplicalo en diferentes contextos e situacións reais da vida diaria como poden ser unha entrevista de traballo, unha viaxe, un día de compras, unha consulta nun hospital...”.

Tramitación das inscricións
Para realizar a inscrición será necesario enviala, debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregala persoalmente na propia Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto cunha fotocopia do DNI. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. A solicitude de inscrición estará dispoñible na OMIX (servizo que se ofrece na Casa do Concello en Bertamiráns os luns, mércores e xoves; e na Casa da Cultura no Milladoiro os martes e venres) e premendo nesta ligazón. O prazo de inscrición remata o vindeiro 21 de febreiro.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Cartel do curso de inglés English Today!

Multimedia

  • Cartel do curso de inglés English Today!