- Tematica
Representantes dos concellos que forman parte da Ruta Rosaliana xuntáronse hoxe na Casa do Concello de Ames para a presentación da andaina “Rosalías da Vida”, que se celebra o próximo domingo 8 de marzo. A saída será dende Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na nosa historia.
Os concellos da Ruta Rosaliana (Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela) organizan para o Día Internacional da Muller a andaina “Rosalías da Vida” que terá unha distancia de 20 quilómetros e está destinada para todos os públicos.
A presentación da andaina, que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello de Ames, contou con representación dos concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón. Por parte do Concello de Ames, estaba presente o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a concelleira de Igualdade e Promoción de Saúde, Luísa Feijóo. Representando a Brión, asistiu a concelleira de Turismo, Yolanda Bouzas, de Dodro participou o concelleiro de Cultura, Xoan Xosé Vicente, mentres que en representación de Padrón, contouse coa presenza do alcalde, Antón Fernández Angueira, e a concelleira de Turismo, Igualdade e Muller, Lorena Couso.
O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, declarou que “a primeira andaina Rosalías da Vida en conmemoración a Rosalía celebrámola por primeira vez o domingo 8 de marzo, en conmemoración do Día Internacional da Muller. Todos os que estamos aquí entendemos que Rosalía foi un referente non só literario, senón un referente como muller na súa época. Temos que ter en conta a época de Rosalía, a mediados do século XIX, unha muller escritora era algo fóra do común e ademais defendendo a súa lingua e a súa terra”.
Pola súa parte, a concelleira de Igualdade e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo recalcou a “transversalidade desta acción, xa que engloba varias concellerías como poden ser a concellería de Turismo, as concellerías de Igualdade e ao mesmo tempo podemos dicir incluso que as de Promoción da Saúde, polo feito de ser unha andaina” e rematou agradecendo “a xenerosidade de todos os Concellos porque a verdade é que é un orgullo que poidamos participar todos xuntos porque é maneira de facer cousas, xuntos chegamos máis lonxe”.
En representación do Concello de Padrón, a concelleira de Turismo, Igualdade e Muller, Lorena Couso, comentou que “imos a ter un acto moi bonito da chegada á praza do Obradoiro todos os concellos” e explicou que se trata de “poñer un pouco en valor a Rosalía, como tamén temos alí a casa da nosa poetisa, seguir traballando con eles e seguir traballando a prol da cultura”.
A concelleira de Turismo de Brión, Yolanda Bouzas, recordou que dende o seu concello “xa levamos varios anos traballando ca ruta rosaliana e as actividades de Rosalía, polo que tamén nos sumamos a esta iniciativa para conmemorar o día da Muller”.
Finalmente, o concelleiro de Cultura de Dodro, Xoan Xosé Vicente, declarou que “dende Dodro unímonos á iniciativa de Rosalías da Vida, ao igual que o de Pegadas de Rosalía e de todos os actos relacionados con Rosalía de Castro. Recordar que a andaina sae ás 9.00 horas dende as Torres de Hermida, en Lestrobe, un lugar fundamental na vida de Rosalía, xa que alí tivo dous fillos que ademais foron bautizados en Dodro, e alí segundo o presidente da asociación de Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a poetisa escribiu En las orillas del Sar”.
Ademais, os/as asistentes adiantaron na presentación a celebración dunha nova edición da ruta As pegadas de Rosalía, para o próximo 9 de maio, que tamén realizan de maneira conxunta os concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela.
A andaina “Rosalías da Vida”
A andaina, cun percorrido de aproximadamente 20 quilómetros, ten a súa saída programada para ás 9.00 horas dende Torres de Hermida, Lestrobe, en Dodro, pero faranse diferentes paradas por todos os concellos que forman parte da ruta. Desta maneira, ás 9.30 horas pasarase pola praza de Rodríguez Cobián (Padrón), ás 13.00 horas por Parada de Francos, e xa ás 16.00 horas pasarase por Ames, pola Casa da Cultura do Milladoiro.
Dende Ames haberá servizo de autobuses tanto para ir ao comezo da andaina en Dodro, como para saír dende O Milladoiro, ás 16.00 horas. Neste caso o servizo de autobús será dende Bertamiráns ata O Milladoiro. Así, ás 8.15 horas haberá parada na Capela de Santa Minia en Brión, 8.30 horas dende a praza da Concello de Bertamiráns e ás 8.45 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá servizo de autobuses para o regreso, dende a dársena de Xoán XXIII, ao rematar os actos.
Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. A chegada a Santiago de Compostela está prevista para ás 18.00 horas, para asistir ao acto institucional do Día Internacional da Muller que se desenvolverá na praza do Obradoiro. É unha andaina tranquila, apta para todos os públicos. Recoméndase levar algo para o xantar. Así, arredor das 13.00 horas, en Parada de Francos, farase un descanso dunha hora para comer.
Para formalizar as inscricións, pódese enviar un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamando ao número 981 890 964. O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de marzo.