- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 13 de marzo, ás 21.00 horas, a representación de Medida x Medida de Shakespeare. Trátase dunha comedia de Producións Teatrais Excéntricas SL destinada a un público adulto. As entradas poden adquirirse a través da billeteira electrónica do concello ou de maneira presencial na propia Casa da Cultura unha hora antes da función.
Medida x Medida de Shakespeare é unha comedia negra que coquetea constantemente co desastre. Acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un mozo de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella , a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldes serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo, irrecoñecible baixo o hábito de frade mendicante.
No reparto atopamos a Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (que xa protagonizaran Shakespeare para ignorantes) e na dirección, Quico Cadaval, que xa colaborara co autor inglés na exitosa Noite de Reis do Centro Dramático Galego.
Esta produción de Excéntricas, na que colaboran con FIOT, é recoñecida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia como finalista aos premios María Casares. Ten 3 finalistas, os tres na mesma categoría: mellor actor secundario. Desta maneira, están nomeados Víctor Mosqueira, Josito Porto e Santi Romay. A gala onde se descubrirán os gañadores dos María Casares celebrarase o vindeiro 26 de marzo.
A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “esta fin de semana volve haber dous espectáculos teatrais, un para público infantil e outro para adultos. A programación teatral deste primeiro semestre do ano está tendo un grande éxito esgotándose todas as entradas ofertadas para cada espectáculo. A programación continuará o venres, 27 de marzo, con outras dúas obras: Lambetadas e Vida de cans”.
As entradas para asistir aos espectáculos de teatro pódense adquirir a través da billeteira electrónica do concello ou de maneira presencial na propia billeteira da Casa da Cultura, unha hora antes da función.
Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.