- Tematica
O Concello de Ames informa, que por medio de decreto de Alcaldía, se achegan diferentes recomendacións para o sector do taxi como consecuencia do COVID-19 (coronavirus). Entre as medidas a adoptar encóntranse manter o servizo do taxi ao 50% a través de quendas rotativas, permitir a utilización de taxi só para determinadas necesidades do cliente, extremar a hixiene do vehículo e condutor, permitir unicamente o pago por medios telemáticos e extremar as medidas de autoprotección do condutor.
Como consecuencia da pandemia do coronavirus, o goberno do Estado ditou o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, de declaración do estado de alarma. Esta declaración ten consecuencias para moitos sectores da actividade económica, nuns casos pechando a actividade e, noutros, incrementando as medidas de protección.
O sector do taxi é un dos servizos que a pesar de seguir funcionando, ten que adoptar determinadas medidas de protección que contribúan a frear a expansión da pandemia.
Por esta razón, a Alcaldía, no réxime das atribucións conferidas pola lexislación de réxime local, particularmente a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, durante a duración do Estado de Alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, propón unha serie de medidas para o sector.
A primeira, manter o servizo de taxi ao 50%, establecéndose quendas rotativas de xeito que a metade dos/as taxistas preste servizo en días pares, e a outra metade en días impares.
Ademais, só se permite a prestación do servizo de taxi para os seguintes servizos: para adquirir alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade; asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios; desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a súa prestación laboral, profesional ou empresarial; retorno ao lugar de residencia habitual; asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; desprazamento a entidades financeiras e de seguros; por causa de forza maior ou situación de necesidade; calquera outra actividade de análoga natureza que se fará individualmente, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade ou por outra causa xustificada.
Como terceira medida, extremarse a hixiene no vehículo adscrito ao servizo de taxi. Deste xeito, recoméndase levar a cabo unha limpeza do interior dos vehículos antes de empezar a ofrecer cada servizo, para que o vehículo estea suficientemente desinfectado. Esta farase con líquido desinfectante, prestando relevante atención aos tiradores, asentos, cintos, apoia brazos, e todas aquelas zonas propensas a ser tocadas polas usuarias e usuarios. E despois da prestación do servizo, ventilar o vehículo.
En canto ao pago, recomendase que unicamente se permita o pago por medios telemáticos, suprimindo a opción de pago en efectivo e desta maneira evitar o contacto directo.
E xa por último, recordar que a condutora ou condutor deberá adoptar medidas de autoprotección e, sobre todo, as seguintes:
- Utilizar luvas e mascaras (na medida do posible) durante o servizo.
- Contar cun líquido desinfectante no vehículo.
- Demais recomendacións proporcionadas estes días polas autoridades, como poden ser lavar as mans coa maior frecuencia posible, non tocar os ollos, nariz ou cara, evitar o contacto directo coas usuarias e usuarios e tamén cubrir a boca e o nariz co cóbado á hora de tusir ou esbirrar.
- No caso de ter síntomas, poñerse en contacto coas autoridades sanitarias a través do número 900 400 116 e illarse ata ter coñecemento do resultado, comunicando ao Concello de Ames a súa situación, así como ao colectivo que o represente.