Solapas principales

O Concello de Ames amplía o servizo de información para persoas afectadas no eido laboral polo COVID-19

Miércoles, 01 de abril de 2020

O Concello de Ames incrementa o servizo ofrecido á veciñanza  para consultas relacionadas coas axudas postas a disposición das  afectadas e afectados no eido laboral pola situación de emerxencia sanitaria do coronavirus. Deste xeito, as veciñas e veciños de Ames, poderán chamar ao número 669 02 47 33, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, para formular as súas dúbidas que serán atendidas polo Servizo de Emprego amesá.

Tras a declaración do estado de alarma, e o posterior endurecemento das medidas de confinamento que limitaron dun xeito moi importante a actividade económica, as traballadoras e traballadores, autónomos e as empresas encóntrase nunha situación complexa e de incerteza.

Estas cuestións crean fonda preocupación nas familias ao non saber que vai pasar cos seus empregos por conta propia ou allea, ou por dúbidas respecto as súas pequenas e medianas empresas, así como o descoñecemento sobre cales serán os medios económicos cos que pode contar a unidade familiar neste período, para facer fronte as súas obrigas particulares mentres dure esta situación extraordinaria.

Servizo de información do departamento municipal de Emprego

Como consecuencia a este estado de emerxencia, o Concello de Ames reitera que está a disposición da veciñanza para poder atender as súas dúbidas no ámbito laboral, e tentar facilitar o acceso a toda a información que lle atinxa.

Estas dúbidas, poden ser derivadas por traballadoras e traballadores que se ven afectados ou poden sufrir un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) e autónomas/os que tamén se vexan afectados pola situación.

Ademais, cómpre ter en conta as novas medidas aprobadas polo Goberno do Estado nos pasados Consellos de Ministros que afectan ás persoas traballadoras temporais que ven finalizados os seus contratos e que poderán acollerse a un subsidio de desemprego.

Así mesmo, tamén se aprobaron novas medidas para as traballadoras do fogar, para as que se estableceu unha prestación especifica cando tivesen que deixar de prestar servizos total ou parcialmente a consecuencia do estado de alarma.

A prestación extraordinaria para autónomas/os, uns dos colectivos máis afectados pola situación

Nas últimas disposicións aprobadas polo Executivo do Estado, tamén se recoñece que as traballadoras e traballadores por conta propia poderán solicitar unha prestación extraordinaria cando a súa actividade se vexa afectada polo peche de negocios debido á declaración do estado de emerxencia ou cuxa facturación deste mes caia nun 75% con respecto á media mensual do semestre anterior.

En canto ás autónomas/os que teñan traballadores ao seu cargo, que tiveran que pechar pola declaración do estado de alarma, ou que vexan reducida a súa facturación nun 75%, poden presentar un ERTE para os seus traballadores e solicitar esa prestación extraordinaria.

Cartel asesoramento laboral COVID-19

Multimedia

  • Cartel asesoramento laboral COVID-19