- Tematica
Onte comezou a rolda de contactos do Concello de Ames coas diferentes asociacións de comerciantes de Ames. A primeira reunión a través de videoconferencia foi con representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), pero nas próximos días sumaranse a Asociación de empresarios Palmira Bulevard e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro. Estas reunións telemáticas teñen como obxectivo coñecer como están a levar esta complicada situación os diferentes comercios do concello, así como a busca de posibles solucións ás súas inquedanzas.
A primeira das reunións do Concello de Ames coas diferentes asociacións de comerciantes de Ames tivo como protagonista á Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Desta maneira, onte reuníronse o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, e o técnico municipal de Emprego, Jorge Couñago, co presidente da XEA, Jorge López, e a representante da XEA, Bea López.
Os representantes da XEA trasladaron ao alcalde e maila concelleira de Promoción Económica como están a levar os comercios esta crise do coronavirus. Asemade, propuxéronse diferentes medidas para revitalizar o sector e que esta crise afecte o menos posible aos comerciantes de Ames.
Compre engadir que a XEA leva dende que se declarou o estado de alarma colaborando co Concello de Ames, como por exemplo, coa elaboración da listaxe de establecementos que se encontran abertos durante este estado de alarma e que foron publicados nesta mesma páxina web.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, recalca que “dende o Concello de Ames queremos coñecer de primeira man as inquedanzas dos comerciantes de Ames nesta complicada situación que estamos a vivir, para poder levar a cabo diferentes medidas que axuden a incentivar o noso comercio local cando poidan abrir as súas portas ao público” e engade que “se encontran a total disposición de todos os comerciantes do concello”.
Servizo de información do departamento municipal de Emprego
Como consecuencia a este estado de emerxencia, o Concello de Ames reitera que está a disposición da veciñanza para poder atender as súas dúbidas no ámbito laboral, e tentar facilitar o acceso a toda a información que lle atinxa.
Estas dúbidas, poden ser derivadas por traballadoras e traballadores que se ven afectados ou poden sufrir un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) e autónomas/os que tamén se vexan afectados pola situación.
Deste xeito, as veciñas e veciños de Ames, poderán chamar ao número 669 02 47 33, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, para formular as súas dúbidas que serán atendidas polo Servizo de Emprego amesá.