- Tematica
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, achéganos a observación e seguimento da chegada, aniñado e cría dos polos de andoriñas e cirrios. Unhas aves que chegan ao noso concello na primavera, despois dunha longa viaxe para realizar nas nosas terras a reprodución, alimentación e aprendizaxe dos seus polos. Por iso, a Aula da Natureza anima a veciñanza amesá, amante da natureza a participar, con diversas actividades propostas no documento anexo ao pé desta nova, na conservación e coñecemento destas aves.
Nestes momentos onde a alerta sanitaria provocada polo COVID19 nos obriga a quedarnos nos fogares, este confinamento pode facerse máis ameno achegando un anaco de natureza ás nosas vidas.
Como todos os anos, as aves e a flora son as encargadas de avisarnos de que nos encontramos no inicio da primavera. Así, cando as andoriñas regresan do seu periplo por África, indícannos que a primavera xa está aquí e arranca o seu período máis importante, a cría dos seus polos.
A pesar que as andoriñas sempre foron unhas aves moi queridas nas nosas casas, nos últimos tempos estanse dando casos moi importantes de destrución dos seus niños (sobre todo coa desculpa de que ensucian).
En Ames hai constancia e rexistros de aniñado tanto de andoriñas comúns, como de andoriñas de cu branco e de cirrios comúns. Todas elas, aves que están en retroceso no noso país debido a unha serie de ameazas. Por este motivo, dende o Concello de Ames, e en colaboración coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Pontevedra), queren dar a coñecer estas aves para poder conservalas a través desta campaña.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, anima “aos veciños e veciñas de Ames, especialmente aos máis pequenos, a que dende a súa venta, balcón ou nos pequenos paseos que están autorizados se sumen a esta campaña sobre as andoriñas e cirrios de Ames”.
Polo tanto, dende a Aula da Natureza de Ames invítannos a que sintamos, con todos os nosos sentidos, os seus sons, costumes, xeito de facer os niños e que se fagan debuxos, apuntes, cadernos de campo ou fotografías destas aves e se manden á Aula para ir aumentando entre todos os coñecementos destas aves para axudar á súa conservación.
Envía as túas observacións e/ou fotos
Para participar pódeste inscribir no enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Envíanos as túas observacións e/ou fotos (foto do caderno de campo) ao correo auladanatureza@concellodeames.gal ou por Whatsapp ao número 660 004 665.
Tamén podes usar como caderno de campo electrónico a aplicación gratuíta eBird e contribuír cos teus datos a facer ciencia cidadá, igual que miles de persoas en todo o mundo. As túas observacións e/ou fotos tamén se poden enviar a través da aplicación eBird poñendo en comentarios a lista: Andoriñas desde Ames.
Para máis información sobre as andoriñas e cirrios en Ames, e para participar na actividade, consulta o documento anexo a esta nova.