Solapas principales

Os servizos sociais de Ames poñen en marcha a campaña Estamos Contigo durante a pandemia da Covid-19

Lunes, 04 de mayo de 2020

O Departamento de Benestar Social do Concello de Ames ven de por en marcha a campaña Estamos Contigo, co fin de prestar axuda ás persoas máis vulnerables durante a pandemia da Covid-19 e facilitar á veciñanza amesá toda a información necesaria en diferentes ámbitos de actuación. As veciñas e veciños que precisen axuda na situación actual, ben para tramitacións, atención ou calquera dúbida que se lle plantexe, poden chamar ás liñas gratuítas habilitadas polo Departamento de Servizos Sociais tanto no Milladoiro, no número 900 103 704, como en Bertamiráns, no número 900 101 569. O Concello de Ames contratou unha traballadora social de reforzo para o desenvolvemento da campaña, que pretende facilitar á veciñanza a comunicación co Concello e dar resposta inmediata ás necesidades que podan xurdir durante a crise sanitaria.

Desde hai case dúas semanas funcionan en Ames dúas liñas gratuítas 900 de servizos sociais para Bertamiráns e O Milladoiro, co ánimo de facilitar a comunicación co Concello. Os usuarios e usuarias dispoñen desta opción máis directa, e de balde, para falar con Milladoiro ou Bertamiráns para citas, dúbidas ou consultas nestes momentos de difilcultade. Os números habilitados son o 900 101 569 para Bertamiráns e o 900 103 704 para O Milladoiro. Desde o Concello de Ames anímase á veciñanza que precise calquera tipo de axuda a poñerse en contacto cos servizos sociais, poñendo o foco nas persoas máis vulnerables e afectadas pola situación actual.

Coa campaña Estamos Contigo preténdese facilitar toda a información de interese durante a pandemia da Covid-19, coa posta en valor en dos diferentes servizos que se ofrecen desde o Concello a toda a veciñanza amesá. Así, as usuarias e usuarios dos servizos sociais contan cunha asesoría xurídica para resolver calquera dúbida en materia de vivenda (axudas, aluguer, hipotecas, desafiuxamentos) estranxeiría (documentación, acceso á sanidade) familia (tutelas, curatelas, separacións, divorcios, pensións alimenticias) pensións e prestacións (maternidade, paterinidade, incapacidade, baixas laborais, permisos) e xestión de débedas, tanto con organismos públicos como particulares.

Ademáis, estanse a desenvolver diferentes medidas sociais en situación de vulnerabilidade, como a renda municipal básica, axudas de emerxencia social para necesidades básicas, prestación de alimentos e productos de hixiene, axudas a familias numerosas, roupeiro municipal, tramitación de axudas autonómicas e información sobre axudas estatais.

Desde a Oficina do Voluntariado estase a prestar atención a persoas vulnerables e/ou que vivan soas, repartindo alimentos e produtos de hixiene a familias sen recursos, e cestas saudables a familias vulnerables con menores a cargo. Asemade, desevolve un servizo de compra e reparto a domicilio de alimentación e medicamentos e procede á recepción e reparto de doazóns de produtos alimentarios e de hixiene.

O Centro de Información á Muller, pola súa banda, segue a ofrecer atención ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, ademáis de contar con asesoría xurídica e atención psicolóxica. En canto á educación familiar, desde os servizos sociais trabállase na resolución de conflictos, favorécese o apoio escolar e tecnolóxico (o departamento conta con e-bonos de acceso a internet para o alumnado sen recursos, favorecendo a igualdade de oportunidades en materia escolar) e ofrece servizo de fotocopiado e reparto de recursos educativos para as familias sen recursos. Asemade, ofrécese tamén atención psicolóxica con acompañamento e seguimento telefónico.

estamos contigo

Multimedia

  • cartaz estamos contigo