- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, informa de que este sábado 30 e o domingo 31 de maio vólvese a cortar o tráfico en varias rúas de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de favorecer a mobilidade das persoas e poder manter así as distancias de seguridade. Esta medida, coa que se pretende que a veciñanza de Ames merque no comercio miúdo local, desenvolverase dende o sábado, ás 16:00 horas, ata o domingo, ás 23:00 horas. Nas rúas que se corta o tráfico, os vehículos poderán igualmente entrar e saír dos garaxes. Esta iniciativa realizarase durante todas as fin de semanas do mes de xuño.
Durante esta fin de semana o Concello de Ames volve a repetir o corte de tráfico de vehículos en varias rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, para favorecer o tránsito das persoas en núcleos urbanos e poder así manter as distancias de seguridade. Outros dos obxectivos é favorecer circuítos peonís de mobilidade nos núcleos urbanos para que a veciñanza teña máis doado mercar nos comercios locais de Ames.
Deste xeito, dende este sábado 30, ás 16:00 horas, ata o domingo 31 de maio, ás 23:00 horas, córtase o tráfico (agás a entrada e saída de garaxes) nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro que se detallan nos mapas que se poden descargar ao pé desta nova. Esta iniciativa realizarase durante todas as fin de semanas do mes de xuño.
En Bertamiráns as rúas que serán peonís e se corta o tráfico de vehículos son as mesmas que a fin de semana pasada: a rúa Ameneiral, a rúa Entrerríos (o tramo que vai dende Alcalde Lorenzo ata a rúa Ameneiral), a rúa do Rueiro, a rúa do Arrucheiro (ata a Travesía da Peregrina), a rúa do Cómaro, e a rúa que vai por detrás da escola infantil da Galiña Azul desta localidade.
No Milladoiro haberá dúas zonas totalmente peonís
Por outra banda, no Milladoiro, hai modificacións respecto da semana pasada. Así, as rúas que serán peonís e se corta o tráfico de vehículos son a rúa Raxoeira (dende a rúa de Abaixo ata a avenida Rosalía de Castro), a rúa da Costa (entre Travesía da Moa e rúa Figueiras); e a rúa Xaquín Lorenzo (entre a rúa do Xeixo e a rúa da Madalena).
Ademais, hai dúas zonas que serán totalmente peonís. A primeira zona engloba á travesía da Madalena, a rúa Estivada de Castelao, a rúa das Camelias, a rúa Agro da Madalena (ata a intersección coa rúa dos Cereixos), e maila rúa da Viorneira.
Tamén se establece unha segunda área peonil na zona norte do Milladoiro. Nesta área as rúas peonís serán a rúa dos Agriños, a Travesía do Porto (dende a rúa dos Cereixos ata a intersección coa rúa Palmeiras), a rúa de Pardiñeiros, a rúa Cruxa (ata a rúa Agro do Medio), a rúa Agro da Vella, e a rúa Agro do Medio (dende a rúa Cruxa ata a rúa de Abaixo).
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destaca que “debido ao bo resultado que deu esta iniciativa a fin de semana pasada, vólvese a repetir esta fin de semana, e realizarase durante todas as fin de semanas do mes de xuño. En Bertamiráns cortaranse ao tráfico as mesmas rúas que a fin de semana pasada, pero no Milladoiro fixéronse varios cambios de rúas para favorecer circuítos peonís de mobilidade neste núcleo urbano”.