Solapas principales

Obradoiro virtual de estimulación temperá, musical e lingüística, o próximo venres 12 de xuño con Apego

Jueves, 04 de junio de 2020

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, programa, a través de Apego, un obradoiro virtual de estimulación temperá, musical e lingüística para o próximo venres 12 de xuño. O obradoiro, impartido por Leticia Falcón, desenvolverase en diferentes horarios segundo a idade das crianzas. Para realizar as inscricións é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal coa información que se indica posteriormente nesta nova, e o prazo para facelo remata o próximo mércores 10 de xuño.

Os obradoiros virtuais de estimulación temperá teñen como obxectivo achegarlles a música e a lingua ás crianzas. Trátase de actividades adaptadas ás diferentes idades, moi participativas, con música en directo e con materiais cos que xa contamos na casa. Ademais, o número de familias por sesión será reducido para interactuar mellor con todas elas.

A sesión do obradoiro será a través da plataforma Jitsi Meet. Polo tanto, compre ter conexión a Internet e a aplicación descargada nun dispositivo electrónico, aínda que non é preciso rexistrarse. As familias recibirán unha crave para acceder á sesión na que estean inscritos, que durará aproximadamente 45 minutos.

O obradoiro desenvolverase o próximo venres 12 de xuño en diferentes horarios. A primeira sesión, ás 16.30 horas, para as familias con bebés de 0 a 1 ano (que aínda non anden) ou que estean agardando un bebé. A segunda sesión, ás 17.30 horas, está destinada ás familias con crianzas de 1 a 3 anos que xa camiñan. E xa por último ás 18.30 horas, unha sesión destinada ás familias con crianzas de 4 a 6 anos.

Para realizar as inscricións é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal escribindo a idade das crianzas (indicando se andan ou non), nome e apelidos das persoas que asistirán e un teléfono de contacto. O prazo para facelo está aberto ata o 10 de xuño.

O programa Apego

Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.

obradoiro virtual con Apego

Multimedia

  • obradoiro virtual con Apego