- Tematica
A Concellería de Transición Ecolóxica e Medio Rural e maila Concellería de Benestar Social colaboran coas asociacións de veciños do rural, para poñer en marcha de xeito conxunto a campaña “Que ninguén quede atrás”. Trátase de que todo aquel que teña horta, leira ou árbores de froita, e teña excedentes de produción, se estima oportuno, lle doe o excedente ao Banco Municipal de Alimentos, para que sexan incluídos nas cestas de produtos frescos que se reparten entre as familias máis vulnerables. As persoas que queiran facer a súa achega deben poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames.
O Concello de Ames pon en marcha unha nova campaña de recollida de alimentos para o Banco municipal. Neste caso a Concellería de Transición Ecolóxica e Medio Rural, así como a Concellaría de Benestar Social, colaboran coas asociacións de veciños do rural, para poñer en marcha de xeito conxunto a campaña “Que ninguén quede atrás”.
Trátase de que todo aquel que teña horta, leira ou árbores de froita, e teña excedentes de produción, se estima oportuno, lle doe o excedente ao Banco Municipal de Alimentos, para que sexan incluídos nas cestas de produtos frescos que se reparten entre as familias máis vulnerables.
Todo aquel que queira facer a súa achega ten que poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames, a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal para xestionar a recollida, que se fará no propio domicilio da persoa que realiza a doazón.
O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “todos aquelas persoas que dispoñan dunha horta, cando facemos a plantación, sempre nos parece que poñemos pouco e despois, se o tempo axuda, non damos consumido toda a produción, que vén toda xunta”.
Manuel Lens engade “o que pretendemos e que ese produto de excelente calidade co que nos obsequian as nosas hortas e non consumimos, sexa compartido con aqueles que máis o necesitan. Dentro desta iniciativa, tamén incluímos todas aquelas froitas de tempada, como mazás, peras, pexegos, ameixas, etc., que ó igual que as cousas da horta, veñen todas xuntas e é unha magoa non poder aproveitalas”.
Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que "a solidariedade dos amesáns cos que menos teñen. Agradecemos a boa acollida desta iniciativa por parte das asociacións do noso rural e a colaboración da veciñanza ofrecendo produtos das súas hortas ao Banco de Alimentos Municipal para ser repartidos entre aquelas familias que están a pasar por momentos difíciles contribuíndo a que teñan unha alimentación mais variada e saudable”.