- Tematica
Que é Galicia e quen somos como galegos? A referencia aos fundamentos que nos identifican non faltaron nos discursos cos que os grupos políticos que compoñen a Corporación municipal celebraron onte o día de Galicia en Ames. Tampouco faltaron a poesía e as referencias ao idioma e á situación difícil que estamos pasando a través da lembranza ás vítimas e ás familias afectadas pola COVID19. Pero a de onte foi fundamentalmente unha celebración tinxida de sentimento. A entrega da medalla do Concello a Maximino Viaño, congregou no pazo a familiares e amigos. Falou o alcalde, José Miñones, falaron as súas netas Lorena e Liliana, falou o seu compañeiro no espazo da Radio Municipal “Memoria de Ames”, Xesús Carrera “Beiro” e a súa grande amiga, a escritora Filomena Fraga, con quen compartiu micro durante anos en Ames Radio. Foi unha tarde de emocións e de cariño. Ana Rivas e Cristian Leggiero puxeron a banda sonora con clásicos do repertorio galego e guiaron aos asistentes na interpretación do Himno Galego co que se pechou o acto.
Nas breves intervencións dos voceiros dos grupos políticos non faltaron nin a poesía, nin a lembranza ás vítimas da COVID19, nin as referencias aos fundamentos que nos definen como galegos e galegas. Falaron, tal e como dita o protocolo, seguindo a orde de porcentaxe de representación que cada un ten no municipio. Quique Costas, de Ames Novo aludiu á esencia feminina do noso país e citou a Cabanillas: “A matria somos nós, somos a xente” e a Celso Emilio “Galicia nai e señora”. Xosé Ramón Oulego fixo o propio con Manuel María: “Se buscas a Galicia, en ti tés que atopala” para apelar a necesidade de investir en ciencia, en tecnoloxía, no rural e na empresa: “para poder saír desta crise e evitar que a mocidade teña que seguir fuxindo a buscar a vida fóra”.
A lembranza ás vítimas da pandeia e a mensaxe de condolencia e apoio aos familiares foi outra das constantes da tarde. Genma Otero, número un de Contigo Podemos lembrou a “eses maiores que marcharon sen ter a despedida que merecían” e dedicoulles uns versos que ela mesa escribira no confinamento para unha regueifa: “Tiña pena, tiña pena por non te escoitare, agora que te escoito esa pena ha de marchare”. O voceiro do BNG, David Santomil, fundamentou a súa intervención na importancia do idioma: “O idioma é unha obra de arte creada polo xenio inviolable do noso pobo e labrada polo amor, a dor e a ledicia de moitas xeracións”. Tamén se lembrou das vítimas da pandemia.
Da crise sanitaria falou asemade o número un do Partido Popular, Ramón Argibay que dixo que “esta crise amosounos que non somos invencibles, porén danos a oportunidade de traballar para gañar en valores e humanidade”; Argibay rematou asegurando que o seu partido “defende e respecta a todas as persoas, pensen como pensen”. O último en intervir foi o voceiro do Partido Socialista, Blas García que comezou agradecendo ás “Alfombristas de Ames” a alfombra, de claras referencias á bandeira galega, que presidía o patio do Pazo onde se desenvolveu o acto. Valeuse Blas dos poemas de Maximino para falar de Ames e de Galicia: “A Maía é, en gran síntese, toda Galicia”, anticipando nestas verbas o que serían os momentos máis emotivos da noite.
Un “influencer” de 93 anos
O momento máis emotivo da tarde chegou após das intervencións dos políticos. A xornalista de Ames Radio, Nazaret López deu paso ás intervencións dos familiares e amigos de Maximino que precederían á entrega da medalla. As primeiras en falar foron as súas netas, Lorena e Liliana, que gabaron o traballo feito a prol de Ames e de Galicia por Maximino e incidiron na posta ao día nas novas tecnoloxías que, con 93 anos, fai seu avó para poder manter ese facebook no que, día a día, recolle as historias do pasado e do presente de Ames como Cronista Oficial. “Iso si, matizou Lorena, sempre, a calquera hora, ten que haber un neto dispoñible por calquera problema técnico que poida xurdir”. Pola súa banda, Liliana, que desde hai un ano, e despois de criarse e vivir sempre fora de Galicia, vive na casa patriarcal co seu avó, fixo brincadeira co feito de que Maximino teña máis seguidores e “me gustas” nas súas redes sociais que todos os seus netos xuntos e nomeouno de “todo un influencer”. A través delas soubemos tamén que Maximino segue a emprender novos cometidos na vida: “O último que mercou foi un chandal e unhas zapatillas para facer algo que até de agora non fixera nunca: deporte”.
As amizades de Maximino estiveron representados por Xesus Carrera “Beiro” e Filomena Fraga, compañeiros desde o 2007 no faladoiro “Memoria de Ames” da Radio Municipal. Beiro destacou a privilexiada memoria de Maximino: “ese don que ten este gran home para lembrar polo miúdo situacións, datas, nomes, lugares...Maximino é unha enciclopedia, un libro aberto no que caben todos os saberes de Ames”. Pola súa banda, a escritora Filomena Fraga, a quen o Concello outorgou a medalla o ano pasado, gabou a importancia de Maximino como embaixador da nosa comarca “non só en Galicia e en España, senón noutros moitos lugares do mundo”. Agradeceu ademais persoalmente o feito de que Maximino sempre estivese aí nos bos momentos e nos que non foron tan bos”.
A vida de Maximino, reflexo da historia de Ames
O alcalde de Ames, Xosé Miñones, había des ser o encargado de entregarlle a medalla que distingue a Maximino como fillo predilecto da vila. Previamente fixo unha completa descrición da súa biografía, destacando o seu papel como motor nos avances do sector agro-gandeiro en Galicia desde a fundación das cooperativas comunitarias como Feiraco até a creación dos primeiros selos de calidade dos nosos produtos. Incidiu tamén Miñones na súa faciana de escritor que culmina no seu labor como cronista oficial de Ames: “como sempre me gusta destacar na súa figura, coas súas colaboracións na nosa radio, e coa súa continua actividade nas redes, accións que serven para achegar as súas reflexións, as súas anécdotas e historias a tódalas xeracións”. Comparou o alcalde a traxectoria de Maximno coa historia recente de Ames: “Chegaba a conclusión de que representas mellor ca ninguén o que é este Concello, a túa faceta creadora, emprendedora, como impulsor de proxectos son reflexo do que Ames é a día de hoxe”.
Chegou emocionado Maximino ao momento do seu discurso: “Gracias, gracias e gracias, de corazón”, repetiu varias veces o Cronista Oficial de Ames. Despois, coma sempre deunos algunhas leccións nas que non faltou a historia e a retranca. Filomena dixera que ela non se consideraba merecedora de tales recoñecementos e Maximino dixo que el nunca dicía tal cousa, que sabía que había quen o merecía tanto ou máis ca el, pero que cando lle daban algo sempre se lembraba de cando o rei Alfonso XIII lle entregou tamén unha medalla a Unamuno e este respondeulle “Gracias Majestad, bien me lo tengo merecido”. Admiración, sorrisos e moitas emocións agromaron na intervención de Maximino Viaño no Día de Galicia en Ames.
A tarde, xa co sol virando cara o lusco fusco, rematou coa interpretación conxunta do Himno Galego. Previamente Maximino, cunha forza que impresionou a todos e a todas, berrou: “Viva Galicia”.