- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 18 de setembro, a adxudicación do proxecto de mellora do camiño que vai de Portanxil a Carballo, na parroquia de Trasmonte. Dita obra, que está incluídas no Plan AGADER 2020-2021, foi adxudicada á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por un importe de 13.879,33 euros. Dentro das actuacións AGADER 2020-2021 tamén se enmarca a obra de mellora do camiño dende A Condomiña ata a depuradora, que está pendente de adxudicar.
No pleno ordinario do pasado mes de xullo a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto de mellora do camiño da Condomiña á depuradora e outro (camiño de Portanxil a Carballo). Ditas actuacións son sufragadas a través do Plan AGADER 2020-2021 da Xunta de Galicia. Dito proxecto ten un orzamento de 40.976,65 euros, do cal o importe da axuda ascende a 33.865 euros. A achega da Xunta divídese en dúas anualidades (o 50% que son 16.932,50 euros percíbese en 2020 e o 50% restante en 2021). O Concello de Ames pon o importe restante; 7.111,65 euros.
Posteriormente, a Xunta de Goberno Local o pasado 6 de agosto de 2020, aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado abreviado, cun único criterio de adxudicación e tramitación ordinaria, do proxecto que inclúe as obras de mellora do camiño da Condomiña á depuradora e do camiño de Portanxil a Carballo.
Agora a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de mellora do camiño que vai de Portanxil a Carballo, na parroquia de Trasmonte. Dita obra foi adxudicada á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por un importe de 13.879,33 euros. Neste caso actuarase nunha superficie de 1.000 metros de lonxitude, dividida en tres treitos de 300x3,50, 530x3,50 e 170x3,50 metros e 60 metros cadrados de sobreanchos.
Procederase á limpeza de gabias en ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe, previamente levarase a cabo o ensanche do camiño no treito de 530 metros ata acadar un ancho de 3,50 metros. Procederase ao ensanchamento do camiño en 0,50 metros co estendido de 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo. Posteriormente aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente colocarase unha sinal de stop.
Por outra banda, no proxecto de mellora do camiño dende A Condomiña ata a depuradora, que está pendente de adxudicar, actuarse nunha superficie de 1.390 metros de lonxitude por 4 metros de ancho. Neste caso procederase á limpeza de gabias en ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe. Aplicarase no primeiro treito un tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes ao 5% da superficie con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo.
Plan AGADER 2020-2021
A través do Plan AGADER mellóranse os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. A finalidade deste plan é a execución de obras encamiñadas á mellora da rede viaria existente no medio rural, facilitando así a accesibilidade ás explotacións agrarias e contribuíndo ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
Deste xeito, realízanse obras de mantemento de camiños municipais, tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilación de noiros e cunetas); coma de ampliación de camiños municipais, que supoñen un incremento na largura, incidindo na mellora da seguridade viaria e permiten o cruzamento de vehículos.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “é importante ir mellorando as distintas pistas e accesos rurais, e por isto aposta este Goberno municipal”.