Solapas principales

Este venres, 2 de outubro, comenzan as actividades de “Animación á lectura” co contacontos infantil "A Cinicleta na biblioteca"

Jueves, 01 de octubre de 2020

O programa de “Animación á lectura” arranca mañá, venres 2 de outubro, coas sesións de Conto contiño, uns contacontos para nenos de entre 3 e 8 anos. Inaugúrase con “A Cinicleta na biblioteca” a cargo de Brais Moure. O encontro, que nun primeiro momento ía celebrarse na praza Chavián, trasládase á Casa da Cultura de Bertamiráns por mor da chuvia. A actividade comezará ás 17.30 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, presentou a semana pasada a nova programación de "Animación á lectura", que se desenvolverá durante o último trimestre de 2020.

Mañá, venres 2 de outubro, celebrarase a sesión de contacontos a cargo de Brais Moure. Os máis pequenos poderán gozar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 17.30 horas, da narración de "A Cinicleta na biblioteca". O evento, nun primeiro momento, ía celebrarse na praza Chavián, pero por por da chuvia tivo que ser trasladado a un lugar interior, polo que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para esta actividade ofertáronse 40 prazas e cada neno/a poderá ir acompañado tan só de un adulto. O prazo de inscrición, aberto dende o día 24 de setembro, pechou onte, mércores 30.

Como principal novidade no cartel deste ano, durante o vindeiro trimestre organízase unha programación específica para adultos. Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os/as usuarios/as. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias. Deste xeito, a programación  de “Animación á lectura” está divida en tres eixos: contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos; obradoiros infantís para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos; e contacontos e obradoiros para adultos.

Conto contiño
A programación de contacontos inaugurarase mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns por mor da chuvia a pesar de que, inicialmente, ía ter lugar na praza Chavián. Ás 17.30 horas, Brais Moure narrará A Cinicleta na biblioteca. As crianzas de entre 3 e 8 anos poderán asistir a estas sesións acompañadas de un só adulto.

Durante o mes de outubro, os contacontos continuarán na biblioteca do Milladoiro os días 6, 7 e 8. Poderase inscribir nestas actividades entre o luns 28 de setembro ata o sábado 3 de outubro. As sesións de contos terán lugar na biblioteca de Bertamiráns os días 20, 21 e 22 de outubro. Haberá que inscribirse previamente entre o 13 e o 17 de outubro. En cada sesión de contos poderán asistir 12 nenos/as. Cada neno/as poderá asistir acompañado por un só adulto. Todas as sesións de contos serán ás 17.30 horas.

En novembro e decembro continúan os contacontos nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns. Deste xeito, no Milladoiro, as actividades de contacontos realizaranse os días 10,11 e 12 de novembro. Para asistir é necesario anotarse durante a semana do 2 de novembro. Logo trasladarase á biblioteca de Bertamiráns, onde se contarán contos do martes 24 ata o xoves 26 de dito mes (inscricións dende o 16 ao 21 de novembro).

O último mes de contacontos será decembro. Dende o 23 ata o 28 de novembro, poderase inscribir para asistir á actividade que se celebrará no Milladoiro os días 1, 2 e 3 de decembro. Para rematar estas sesión adicadas ao máis pequenos, a biblioteca de Bertamiráns, acollerá esta actividade durante os días 15, 16 e 17 de decembro. O prazo de inscrición estará aberto dende o 7 ata o 12 dese mes.

Obradoiros infantís
Os rapaces e rapazas de 8 a 12 anos tamén poderán participar en diversos obradoiros infantís. Neste caso, hai tres actividades infantís dirixidas a eles nas que se ofertan 9 prazas para cada un deles e para cada biblioteca. Os días 23 e 24 de outubro, en Milladoiro e Bertamiráns respectivamente, comézase co obradoiro “Creacontos”. Haberá dúas sesións, o venres 23 pola tarde, na biblioteca do Milladoiro, ás 17.30 horas, e outra o sábado 24, pola mañá, ás 11.00 horas, na biblioteca de Bertamiráns. Para asistir é preciso inscribirse dende o día 5 ata o 20 de outubro.

A programación continúa en novembro ás mesmas horas e lugares. O venres 20 poderase asistir ao obradoiro na biblioteca do Milladoiro e o sábado 21, na de Bertamiráns. O prazo para inscribirse á actividade “Autores con pegada” estará aberto do luns 9 ao venres 17 de novembro.

O obradoiro “Decora o teu Nadal” será a última actividade infantil. Celebrase en decembro os día 21, na biblioteca de Bertamiráns, e o sábado 22, no Milladoiro. En ambos lugares dito obradoiro realizarase ás 17.00 horas. Poderase facer a inscrición dende o 7 ata o 17 de decembro.

Actividades para adultos
Como novidade, este ano os adultos tamén poderán gozar de actividades do programa “Animación á lectura”. O Concello de Ames organizou contacontos, de 12 prazas, e obradoiros, para 9 persoas como máximo.

A primeira actividade, baixo o nome “As afinidades electivas”, celebrarase o xoves 15 de outubro no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas. Trátase dun encontro literario, organizado pola libraría Lenda, en colaboración coa Biblioteca Municipal. Participarán as autoras Charo Pita e Ana Cristina Herreros. Esta actividade non require inscrición previa, as 36 prazas ofertadas iranse ocupando a medida que os asistentes cheguen.

A programación para os maiores continuará en outubro co obradoiro “Como contar contos”. Será o sábado 17, ás 11.00 horas, na biblioteca do Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto durante os 15 primeiros días de outubro. Dani Blanco será o responsable do contacontos “Pequenas historias subversivas”, que terá lugar na biblioteca de Bertamiráns, o venres 30, ás 20.00 horas. Poderase anotar nesta actividade entres os días 13 e 27 de outubro.

En novembro Vero Rilo estará narrando “Arrolando as frores”, o venres 6, ás 20.00 horas, na biblioteca do Milladoiro. A inscrición poderase tramitar do 26 de outubro ata o 3 de novembro. A seguinte actividade do mes de novembro será un obradoiro, “Os contos a debate”, na biblioteca de Bertamiráns. As inscricións estarán abertas dende o 16 ao 24 de novembro.

En decembro pecharase a programación, o venres 11, con “Vértice de versos”. Trátase dunha exposición documental e un coloquio a cargo de Carlos Lorenzo. Ademais, Emma Pedreira levará a cabo un recital. Esta actividade, con 40 pazas, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 30 de novembro até o 7 de decembro.

É preciso inscribirse nas actividades
En todas as actividades é preciso inscribirse previamente. O número de prazas varía dependendo do contacontos/obradoiro. Para participar hai que chamar aos números de teléfono 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro). Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Animación á lectura.

Multimedia

  • Animación á lectura.