- Tematica
O Concello de Ames vén de ampliar a información dispoñible no Portal da Transparencia do web municipal cun novo apartado onde se pode consultar a información tributaria, que recolle o calendario fiscal do exercicio 2020, información sobre aprazamentos e fraccionamento de impostos e taxas, e mailo sistema especial de pagamento fraccionado do IBI en 2 prazos). Estas medidas enmárcanse dentro das medidas tributarias adoptadas polo Concello de Ames debido á crise sanitaria e económica derivada da Covid-19. Este traballo únese ao feito no pasado mes de maio para mellorar a organización da información dos apartados de Normativa municipal, Consulta pública e Información orzamentaria.
Un dos puntos fortes do novo web municipal, posto en marcha en xuño de 2019, é a aposta por potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices de transparencia da organización Transparencia Internacional. Estes contidos están tanto no apartado de Transparencia coma no de Organización municipal, non só fornecendo os contidos, senón tratando de estruturalos da maneira máis clara posible, facéndoos doadamente accesibles aos usuarios/as.
No afán de ir mellorando o Portal de Transparencia, o persoal dos departamentos de Servizos Económicos, Comunicación e Transparencia, habilitaron un novo apartado que recolle a información tributaria máis importante do Concello de Ames.
Calendario fiscal do exercicio 2020
Deste xeito, a veciñanza amesá pode acceder ao novo calendario fiscal do Concello de Ames, onde se recollen as datas de cargo dos recibos domiciliados, o período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo do recibo domiciliado do IBI, mediante o sistema de fraccionamento en dous prazos. O calendario fiscal recolle as medidas tributarias que se foron tomando atendendo á situación excepcional provocada pola crise da Covid-19, polo que podería sufrir modificacións atendendo a esa excepcionalidade, coa fin de adaptarse a novas necesidades que vaian xurdindo.
Aprazamentos e fraccionamentos de impostos e taxas
Outra da información que se achega a través deste novo apartado do Portal da Transparencia é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames. En ambos casos, hai que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados.
No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, IVTM, IAE, taxa de entrada de vehículos e reservas da vía pública, taxa pola ocupación de terreos de uso público para terrazas, taxa para a instalación de postos, barracas, casetas de venda ou espectáculos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.
No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981 88 48 96, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.
Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100 euros en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000 euros ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000 euros, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.
No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100 euros e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000 euros e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100 euros e 300 euros ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500 euros. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.