Solapas principales

Está aberto o prazo para participar na terceira edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Martes, 10 de noviembre de 2020

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, puxo en marcha por terceiro ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata as 14.00 horas do 16 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

As Concellerías de Normalización Lingüística e a de Promoción Económica organizan esta iniciativa co fin de promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.

Así, valorarase o uso da lingua galega tanto no referente á comunicación externa como á interna. Por exemplo, en ámbitos como a páxina web e redes sociais (se existisen), sinalética e comunicación do establecemento empresarial, na atención ao público, en campañas publicitarias ou materiais de promoción en calquera soporte. Asemade, será tamén de relevancia a comunicación interna co persoal ou entre os diferentes departamentos ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar neste ámbito.

Cómpre engadir que tamén será tomado en conta o impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente ou achegar materiais impresos, e facilitaranlle ao Concello de Ames toda a información que se lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos aportados na candidatura.

Novidades da terceira edición
Este ano como novidade increméntase as contías dos premios. Deste xeito, o premio Lingua e Empresa terá unha dotación económica de 3.000 euros; 1.500 euros en cada unha das categorías, ademais dunha campaña de difusión das empresas gañadoras da radio municipal, Ames Radio. Se o xurado o considera os premios pódense outorgar ex aequo.
Ademais, nesta terceira edición do certame amplíanse as categorías dos premios creando unha nova categoría para empresas que se crearon nos dous últimos anos e fan uso do galego ou que incorporan o galego dentro dese mesmo período. Ademais, mantense a categoría de uso consolidado da lingua para empresas que veñen realizando un uso estable e continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos. A resolución do premio farase pública o 30 de novembro na páxina web municipal.

Prazo e forma de presentación
O prazo de presentación de candidaturas está aberto e rematará o 16 de novembro de 2020. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten.

As candidaturas presentaranse de xeito telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode presentar de forma presencial cubrindo unha instancia xeral e achegando o modelo-ficha habilitado que se pode descargar premendo nesta ligazón. A documentación solicitada poderá presentarse na Oficina de Rexistro Xeral en Bertamiráns ou na Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, das 9.00 ás 14.00 horas, con cita previa.

As empresas candidatas á obtención do premio, para manter esta condición, deberán acceder a facilitarlle ao Concello de Ames toda a información que se lles requira acerca dos usos lingüísticos na súa comunicación interna e externa.
Para solicitar máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@concellodeames.gal / 662 377 215) ou co departamento de Promoción Económica (promocioneconomica@concellodeames.gal / 981 883 002 -ext. 2114).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Tres mil euros para o premio amesán Lingua e Empresa"

Cartel III Premio Lingua e Empresa.

Multimedia

  • Cartel III Premio Lingua e Empresa.