- Tematica
O Servizo de Normalización Lingüística será un dos puntos de recollida de sinaturas para apoiar o proxecto Xabarín, da Mesa pola Normalización Lingüística. Ames colabora con este proxecto co obxectivo de que a CRTVG aumente a programación infantil e xuvenil en galego. A petición levarase ao Parlamento de Galicia en forma de Iniciativa Popular.
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, colaborará coa Mesa pola Normalización Lingüística na recollida de sinaturas de apoio á iniciativa popular coa que se solicita a creación da canle “Xabarín” na CRTVG. As persoas que queiran apoiar esta iniciativa coa súa sinatura poderán facelo no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, de luns a venres entre as 09:00 e as 14:00h.
A iniciativa pretende conseguir que a Corporación de Radio de Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como con aplicacións actualizadas que conten con programas e xogos co fin de garantir a presenza de contidos atractivos e de éxito, xunto con propostas educativas e de produción galega.
A proposta solicita tamén a opción de visualizar a programación da Radio Televisión Española dobrada ao galego, e insta á Xunta de Galicia a chegar a acordos con empresas do ámbito audiovisual como Movistar, Netflix ou HBO co fin de garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión.
Todas estas demandas recolleranse na Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín. Para conseguir que este proxecto chegue a debaterse no Parlamento cómpre un mínimo de 2.500 sinaturas. Máis de 250 establecementos de toda Galicia, entre eles o Servizo de Normalización de Ames, colaboran xa na recollida de sinaturas.