Solapas principales

Aberto ata o vindeiro 13 de decembro o proceso de votación dos Orzamentos Participativos 2020 do Concello de Ames

Viernes, 27 de noviembre de 2020

O Concello de Ames vén de abrir a votación telemática dos Orzamentos Participativos do 2020 –que pode facerse a través desta ligazón- e que continuará aberta ata o vindeiro 13 de decembro. Ao longo das dúas próximas semanas tamén se artella dende o Consistorio un calendario de votación presencial nas parroquias para garantir o dereito ao voto das persoas sen competencias dixitais cuxa cronoloxía pode revisarse aquí.

As cantidades dos Orzamentos Participativos

Tras as reunións informativas do proceso e a fase de presentación de propostas cidadás, comeza agora a derradeira etapa dos Orzamentos Participativos, onde se elixirá unha proposta das presentadas, pódense ver no estudo técnico, en cada unha das seguintes partidas:

 ➔ 120.000€ para investimentos no conxunto do rural
➔ 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas
dirixidos á mocidade
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas
dirixidos á muller
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas
dirixidos á cultura
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente

As propostas resultantes, un total de 6, executaranse ao longo de 2021.
          
Propostas cidadás no proceso dos Orzamentos Participativos
No abeiro do proceso de Orzamentos Participativos a veciñanza amesá presentou un total de 225 propostas, sendo a máis participativa a de investimentos no conxunto do rural. Tras o contraste de viabilidade técnica co persoal do Concello e a priorización das achegas por parte da Comisión de Orzamentos Participativos -conformada por representantes das parroquias amesás- arranca agora o proceso de referendado, tras o cal se executarán as seis propostas elixidas en cada un dos seis ámbitos.

Quen pode votar
Cada persoa empadroada en Ames poderá votar nos 6 ámbitos ou partidas de gasto sobre as que se realizaron as propostas: investimentos rural, investimentos mocidade, actividades para mocidade, muller, cultura e medio ambiente. O referendado das dúas partidas de mocidade estará pechado ao censo comprendido entre os 16 e os 30 anos.

Cada persoa votará 3 propostas de cada ámbito ou partida de gasto. Así, asignaránselle 3 puntos á proposta máis valorada, 2 á seguinte e 1 punto á última.

Sistema de votación de propostas
O sistema de votación prioritario será o electrónico a través da plataforma electrónica con acceso desde a Web Municipal e para poder votar haberá que rexistrarse cun correo electrónico e unha clave.

Tamén se habilitarán espazos presenciais de votación nas parroquias nos que poderán votar aquelas persoas que non dispoñan de medios electrónicos e garantir así o dereito ao voto de toda a veciñanza amesá que se achegue. Para isto publícase un Calendario de votación presencial nas distintas parroquias de Ames que se desenvolverá desde o lúns 30 de novembro ata o xoves 10 de decembro.

Comprobarase a validez dos votos unha vez pechado o prazo de votación e eliminaranse todos os votos duplicados que se fagan de maneira presencial e telemática, así como os daquelas persoas que non estean empadroadas.

Publicación de resultados

O Concello de Ames ten previsto facer públicos os resultados finais do proceso na semana do 14 ao 18 de decembro.

Para calquera dúbida ou consulta sobre os Orzamentos Participativos o Concello ten habilitadas dúas vías de contacto coa asesoría técnica do proceso: por correo electrónico en opames2020@cidadania.coop ou telefónicamente no  674 805 085.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "A votación dos Orzamentos participativos, ata o día 13"

Aberto ata o vindeiro 13 de decembro o proceso de votación dos Orzamentos Participativos 2020 do Concello de Ames