- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, o luns 21 de decembro ás 18.00, o espectáculo de maxia de Dani Polo. Esta actividade, de balde e con prazas limitadas, está dirixida a familias con crianzas a partir de 3 anos e inclúese no programa Apego. O prazo de inscrición está aberto ata o venres 18 de decembro. As familias interesadas en participar deberán enviar un correo a normalización@concellodeames.gal.
A última sesión presencial deste decembro do programa Apego será “Galego Maxia”, a cargo de Dani Polo. Este espectáculo de maxia é unha sesión didáctica e participativa na que o público descubrirá o poder máxico da lingua.
O mago de Melide conseguiu o Primeiro Premio no Festival Internacional de Almussafes 2017, un Premio Nacional de Maxia e diferentes mencións especiais por parte das sociedades de maxia de Francia, Italia e Latinoamérica. En 2018 recibiu no Congreso Máxico Nacional de Francia (FFAP) o premio Ali Bongo como mago novo revelación do ano.
Prazo de inscrición aberto
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o venres 18 de decembro. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que figuren os nomes e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.
O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.
É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.