- Tematica
No día de hoxe, 23 de decembro de 2020, entran en vigor as novas liñas de transporte metropolitano que foron licitadas ao longo deste ano 2020. As novas adxudicacións levarán cambios significativos nos horarios e frecuencias, moitas delas a solicitude do Concello, tales como a posta en funcionamento de novas frecuencias a primeira e última hora do día, a ampliación da conectividade do parque empresarial do Milladoiro ou a posta en marcha do noite bus ou de novas frecuencias nos fins de semana.
A nova reformulación da mobilidade interna que realiza o Concello de Santiago traslada a parada da rúa da Rosa ao Hórreo, xunto á dársena da futura estación intermodal e que permitirá a conectividade co tren e a futura estación de autobuses. Dito cambio foi trasladado ao Concello de Ames e así se recolle xa nas listaxes de horarios que se poden observar en www.bus.gal, ou nas propias compañías de transporte. Preme nesta ligazón para descargar o PDF cos horarios das liñas do servizo de transporte metropolitano de Ames que está dispoñible na web bus.gal.