- Tematica
A través da canle de Youtube do Concello poderanse ver os vídeos das empresas galardoadas nas tres últimas edicións do Premio Lingua e Empresa. Na última edición do premio, as empresas premiadas foron Ollar e Código Cero. No 2019 premiouse o labor de Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro mentres que na primeira edición, no 2018, gañaron o premio Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega. Asimesmo, publicouse un vídeo resumo con todas as empresas premiadas no certame. Os vídeos tamén se poderán visualizar na web municipal e nas redes sociais do Concello de Ames.
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do Departamento de Promoción Económica, organiza anualmente o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, nomeadamente na actividade empresarial, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do prestixio social do galego realizada desde este sector.
Neste premio valórase o uso da lingua galega nas empresas, tanto no referente á comunicación externa como á interna. Téñense en conta, por exemplo, ámbitos como a páxina web e as redes sociais, a sinalética e a comunicación do establecemento empresarial, a atención ao público e as campañas publicitarias ou materiais de promoción en calquera soporte. Tamén ten relevancia a comunicación interna, co persoal ou entre os diferentes departamentos. Ademais, tense en conta o impacto que a actividade empresarial pode ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Dito certame celebrou xa tres edicións e, como recoñecemento ás empresas galardoadas, o Concello de Ames vén de publicar na súa canle de Youtube nove vídeos relacionados co Premio Lingua e Empresa nos que se reflicte a actividade e os aspectos diferenciadores das empresas premiadas no certame.
Na edición de 2020 as empresas premiadas foron Ollar e Código Cero. Tamén se poderán ver os vídeos das empresas galardoadas en 2019 (Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro) e da edición de 2018 (Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega). Asimesmo, publicouse un vídeo resumo con todas as empresas premiadas no certame. Os vídeos tamén se poderán visualizar na web municipal e nas redes sociais do Concello de Ames.