- Tematica
Por mor das medidas que se veñen aplicando para facer fronte á crise sanitaria da Covid19, a concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames adía por segunda vez o inicio da campaña de tarxetas bono Merc@mes, de xeito que, no canto de comezar o día 19 de febreiro como estaba previsto, comezará o 1 de marzo e alongarase até o 1 de maio de 2021. O acordo foi ratificado pola Xunta e Goberno Local do 18 de febreiro de 2021. Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir do mesmo día 1 de marzo en Bertamiráns e no Milladoiro, tan só presentando o DNI que o acredite como maior de 18 anos. Asemade, tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns. 171 establecementos adheríronse á esta campaña coa que se pretende valorizar e impulsar as compras no comercio local. A relación dos establecementos adheridos será publicada na páxina web municipal e na páxina web da entidade colaboradora, XEA.
Dado que un dos sectores beneficiados pola campaña sería o hostaleiro, sometido neste intre a fortes restricións que só lle permiten servir produtos á domicilio ou para consumir fora do establecemento, e de que o comercio estivo tamén até de agora sometido a importantes restricións horarias, a concellaría de Promoción Económica considerou necesario modificar de novo os prazos previstos na convocatoria das tarxetas bono que se enmarcan dentro da campaña Reactiva Ames, no referente á primeira fase da campaña. Asi pois, as tarxetas bono poderán utilizarse nesta primeira fase entre o 1 de marzo e o 01 de maio de 2021. No caso de non consumir todos os cartos, a mesma tarxeta bono poderase utilizar na segunda fase da campaña que abrangue desde o 1 de setembro até o 31 de outubro. Tanto a adquisición das tarxetas como a realización das compras con ditas tarxetas poderase realizar exclusivamente en estes dous períodos.
“As medidas que se están aplicando no territorio da nosa Comunidade Autónoma con respecto ao comercio, que até de agora tiña a obriga de pechar ás seis da tarde, e a hostalaría que aínda a día de hoxe permanece pechada agás para servir a domicilio ou para consumir fora do establecemento, levounos a tomar esta decisión de pospoñer o principio da campaña en beneficio do sector comercial e hostaleiro, porén tamén para que os compradores e compradoras beneficiarios dos bonos, puidesen ter unha marxe máis ampla e máis cómoda para gastalos”, declara a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.
Características das tarxetas bono Reactiva Ames
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames poñerá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda igual ao 40% do valor da mesma. O Concello de Ames poñerá ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 3.000 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).
Estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinanciará dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:
• 2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros.
• 1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 40 euros e a persoa beneficiaria achegará 60 euros.
Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo
A axuda do Concello de Ames é igual ao 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros.
Como obter as tarxetas bono
A concellaría de Promoción Económica, poñerá a venda as tarxetas bono a partir do 1 de marzo, data na que comeza a campaña. Calquera persoa maior de idade – non ten porque ser residente no concello de Ames- pode adquirilos, presentando o D.N.I que o acredite como maior de 18 anos. As tarxetas bono poñeranse á venda na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30. No Milladoiro poderanse adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira 19. Polas tardes venderanse na rúa Viorneira 1, no local da Asociación Palmira Boulevard entre as 17:00 e as 19:30 horas.
171 establecementos adheridos á campaña
171 establecementos locais adheríronse á campaña de tarxetas bono Merc@mes. Entre eles non figuran espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), estacións de servizo de combustible, salas de xogo/apostas, farmacias e demais establecementos sanitarios e estancos, postos que nas bases se establecía que este tipo de negocios non poderían incluírse na campaña. Si que se incluiron ópticas, clínicas veterinarias, psicotécnicos, clínicas dentais, establecementos ortopédicos e parafarmacias.
As tarxetas non serán válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. A lista definitiva de establecementos adheridos á iniciativa publicarase tanto na páxina web da entidade colaboradora (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal) como na páxina web do Concello de Ames a partir do día 1 de marzo de 2021.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames aplaza el inicio de la campaña de tarjetas bono Merc@mes hasta el 1 de marzo"
Lindeiros: "A oferta dos bonos Merc@mes comezará no mes de marzo"