Solapas principales

O Concello de Ames informa da suspensión das Escolas deportivas e culturais e do procedemento de devolución das contías cobradas

Martes, 09 de marzo de 2021

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Deportes e Cultura, informa da suspensión das Escolas deportivas e culturais (curso 2020-2021), debido ás restricións establecidas para frear a expansión da Covid-19. Deste xeito, procederase á devolución das contías abonadas ao Concello polos usuarios e usuarias para a inscrición nas distintas actividades. O/as afectado/as deberán presentar un certificado bancario da conta da persoa que figure na autoliquidación pagada de xeito telemático, a través do Rexistro Xeral por Sede electrónica. Tamén se poderá facer de xeito presencial acudindo ás oficinas de Recadación en Bertamiráns e no Milladoiro.

Ano tras ano son moitos os alumnos e alumnas que fan uso das Escolas deportivas e culturais municipais que organiza o Concello de Ames. Este curso comezouse con esforzo e ilusión, así como con moita incerteza  debido ao contexto sanitario actual derivado da Covid-19.

A pesar dos intentos realizados, dende os departamentos de Deportes e Cultura, por comenzar as distintas actividades, resultou imposible achegarse ás necesidades mínimas que se exixían para o seu desenvolvemento. Entre elas, as limitacións de espazo, as porcentaxes de aforo, o desenvolvemento de actividades de forma individual ou máximos moi inferiores aos previstos para as escolas.

Debido a esta situación, o Concello de Ames vese obrigado a suspender as Escolas deportivas e culturais municipais para o curso 2020-2021.

Como consecuencia disto, procederase, de oficio, á devolución das contías abonadas ao Concello polos/as usuarios/as para a inscrición nas distintas actividades dado que en ningún momento se puido iniciar o curso 2020-2021 coas actividades previstas.

Para que esta devolución sexa efectiva, terase que presentar un certificado bancario da conta da persoa que figure na autoliquidación pagada. A solicitude poderase realizar de xeito telemático a través do Rexistro Xeral por Sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas de Recadación de  Bertamiráns, situada na praza Horta de Abaixo, número 6; ou na oficina do Milladoiro, situada na rúa Viorneira, número 6.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "Suspendido o curso nas Escolas deportivas e culturais municipais"

Imaxe de arquivo de bicicletas estáticas