- Tematica
Trampas, colgadoiros e atraentes. A ampla resposta dos vecñios e veciñas de Ames nos últimos anos á hora de emprender accións encamiñadas a mitigar a praga da vespa velutina, levou esta primavera á concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural a duplicar o número de equipos de trampeo que poñerá a disposición dos veciños e veciñas de Ames na “Campaña de mitigación da presenza e expansión da vespa velutina no concello de Ames” que comeza estes días. O vindeiro luns, 15 de marzo, o departamento de Medio Ambiente comezará a entregar o material na oficina de Medio Ambiente, que está na Casa de Cultura de Bertamiráns, en horario de 9:00 a 12:30. Quen desexe obter máis información pode poñerse en contacto coa aula da Natureza no teléfono 660004665 e no enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal . Podes descargar aquí o impreso para a cesión de trampas. Tamén podes descargar neste enlace o manual de trampeo.
“A campaña ten ese dobre obxectivo de loitar na práctica contra a praga e de servir como medida de avaliación do avance deste andazo no noso concello”, manifesta o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens. “Porén -engade o concelleiro-, coa campaña tamén se pretende concienciar á cidadanía da necesidade de tentar controlar a velutina. Porque esta praga non entende de fronteiras, de peches nin de balados; non é algo que lle pase ao veciño e a ti non, e minorizar o efecto da praga é unha cuestión de todos e todas, por iso a campaña quere ser tamén un altavoz que chegue aos propietarios de cada finca, de cada leira, de cada xardín”.
A captura de raíñas, tarefa fundamental na loita contra a velutina
A captura do maior número de raíñas posible no inicio da primavera é fundamental. É neste tempo cando comenza a construción de niños primarios e as raiñas buscan de por si o alimento. Este é o motivo polo que o concello cederá trampas e atraentes ás persoas que participen na campaña. Os veciños e as veciñas asinarán un documento indicado o lugar de colocación da trampa e a súa autorización para que o concello faga un seguimento dos exemplares reclutados. Deste xeito avaliarase a expansión da praga no territorio municipal.
Os veciños tamén deberán comprometerse a o mantemento da trampa durante a campaña e a custodia da mesma ata a seguinte temporada de captura. Ademais, coa cesión de trampas, a veciñanza recibirá un pequeno manual de trampeo que fai especial fincapé na diferencia do trampeo de raíñas na primavera cos cebadeiros de obreiras de verán.
Ames un concello comprometido ca preservación e conservación de hábitats
Se en algo coinciden as diferentes administracións, os apicultores, os fruticultores, os científicos e en xeral toda a poboación é que determinadas especies como é o caso da Vespa velutina están xa tan introducidas no noso medio e nin van marchar, nin podemos “exterminalas”. O que si é posible é tentar que non se comporten como praga.
“Cómpre salientar que con cada raiña que se capture con estas trampas, evitamos a formación dun niño que chegaría a albergar, de media, unhas 1.800 avespas”, explica Jesús Asorey, secretario técnico de AGA.
Manuel Lens, concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural di que “temos que ter tamén moi presente que a longo prazo a mellor forma de manter controlada esta vespa igual que outras pragas é potenciar os hábitats favorables para os seus depredadores naturais, aves e mamíferos silvestres, como o abelleiro o abellaruco, o miñato abelleiro ou o teixugo; potenciar a presenza de abellas autóctonas mediante o apoio a apicultura e tamén mooi importante e nesta tarefa está a traballar con moito interese o departamento de Transición Ecolóxica”.
A partir do 15 de procederá a facerse a entrega do material de trampeo no Departamento de Medio Ambiente, que agora está situado na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os veciños e veciñas que queiran recibir os equipos de trampeo poden acudir ao departamento entre as 09:00 e as 12:30 horas.
As persoas interesadas nesta campaña poden obter máis información chamando ao teléfono ou escribindo ao correo da Aula da Natureza auladanatureza@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames duplicará los equipos que va a repartir contra la velutina este lunes"